"Novamente, un resultado histórico". É o resumo que a Caixa Rural Galega fai das súas contas de 2025, aprobadas a pasada fin de semana en Asemblea Xeral en Lugo tras as xuntas preparatorias que, nas semanas previas, a cooperativa de crédito celebrou en Ribadeo, Chantada, Santiago, Cambados e a propia capital lucense.
A Asemblea Xeral da entidade cooperativa aproba as contas de 2025 con 32 millóns en ganancias
A magnitude máis significativa destes resultados é unha nova marca de beneficios que supoñen, asemade, que a entidade gañase máis de 30 millóns de euros por segundo ano consecutivo. Foron, concretamente, 32,2 millóns de euros, un crecemento na contorna do 1% que Caixa Rural Galega atribúe "a menores necesidades de dotacións a provisións e melloras sostidas de eficiencia", toda vez que as marxes brutas se lle reduciron un 6% polo descenso dos tipos de xuros.
Estes resultados rexístraos nunhas contas nas que os activos da Caixa medran por riba do 14%, ata os 2.667 millóns de euros. Neles destacan os depósitos da clientela, que por primeira vez superaron a barreira dos 2.200 millóns de euros para situarse en 2.392, uns 270 por riba dos do peche do ano anterior.
Caixa Rural Galega supera por primeira vez os 2.200 millóns en depósitos da clientela e os 1.000 en investimento crediticio mentres volve aumentar o cadro de persoal
Ao tempo, o investimento en créditos da Caixa Rural Galega supera por primeira vez os mil millóns de euros. Son 1.039 millóns netos dos que un chisco máis do 50% son préstamos a particulares e case un 40%, financiamento a PEMES e profesionais autónomos. As grandes empresas e a promoción e construción inmobiliaria sitúanse en ambos casos lixeiramente por baixo do 5% e o 3% restante corresponde a financiamento a Administracións públicas.
Ao contrario do que vén sendo tendencia no sector, os resultados da entidade lucense reflicten tamén un crecemento do cadro de persoal. Pechou o ano composto por 186 persoas, sete máis que no ano previo, e continúa sendo maioritariamente feminino.
Destas contas deriva o Fondo de Educación e Promoción, co que Caixa Rural Galega patrocina diversas actividades socioculturais, deportivas, formativas ou de fomento do cooperativismo. Este fondo sumou o pasado 2025 algo máis de 718.000 euros para 192 actividades. Unha delas volveu ser o proxecto de dinamización das vilas galegas promovido pola Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, no que se encadra a serie Vinte na vila que publica VINTE.
O presidente da caixa sinala os resultados como mostra da "solidez do modelo cooperativo e da proximidade ao territorio".
Manuel Varela, presidente da Caixa Rural Galega, sinala estes resultados como unha demostración da "solidez do modelo cooperativo e da proximidade ao territorio". "Consolidamos a nosa posición como entidade de referencia en Galicia" e faino, defende, "mantendo uns niveis de solvencia e liquidez que superan os requirimentos regulatorios".
Neste sentido, o máximo dirixente da entidade destaca "a calidade do noso activo" e "a prudencia na xestión do risco". Mentres, salienta, "seguimos sendo unha entidade próxima, comprometida co territorio e coas persoas" que tamén olla con "confianza" ao futuro malia a incertezas que, admite, existen por factores como a Guerra en Irán.