Persoal do comercio convocado por CIG e UGT esixe na rúa que as empresas negocien a renovación do caducado convenio provincial no canto de impor a "centralización" da man da nova patronal de "Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, Kiabi ou Uniqlo"
Algunhas das rúas máis comerciais da Coruña enchéronse este domingo co berro do persoal do sector impulsado pola CIG e UGT. Tras os éxitos logrados en anos previos polas súas mobilizacións, e despois de que a finais de 2025 semellasen dar movido as posicións negociadoras dos xigantes do téxtil, as dependentas advirten agora da necesidade de que as empresas "senten negociar e actualizar o convenio provincial" caducado o pasado 31 de decembro e non agardar por un convenio estatal que, advirten, suporía "retroceder 20 anos".
A caducidade do convenio coruñés implica "soldos e dereitos conxelados", resume Lucía Domínguez, delegada da CIG no sector. E "a patronal provincial négase a sentar para negociar" mentres "as grandes empresas do téxtil, como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, Kiabi ou Uniqlo" promoven a través da súa nova organización ARTE a "centralización da negociación colectiva" e a "degradación dos dereitos conquistados durante décadas".
Explica Domínguez que a CIG "propuxo ás patronais galegas asinar un acordo para protexer os convenios provinciais da depredación que as multinacionais están a argallar en Madrid", pero "a Confederación de Empresarios de Galicia negouse". Neste sentido, lamenta que "a empresa coruñesa que máis beneficios obtén no mundo", en referencia ao grupo Inditex, "tente aniquilar o noso convenio provincial dende Madrid".
"Se a patronal coruñesa non reacciona, continuaremos coa batalla na rúa contra o convenio" estatal porque implicaría "degradar os dereitos conquistados durante décadas", sinalan
"Non queren organizarse para negociar aquí, na provincia da Coruña" para "aproveitárense e negociar en Madrid condicións moi inferiores ás que conseguimos hai tempo", subliñan. De aí a importancia de que "impedir que outras decidan por nós" cando "nós somos as que damos a cara todos os días, a ferramenta imprescindible para que as empresas funcionen". Por iso "queremos a nosa parte".
Non é a primeira vez, lembra Lucía Domínguez, que as mobilizacións das dependentas dan "resultado". Xa sucedeu, evoca, en 2008, 2013 e 2018 "para actualizar e manter vivo o convenio provincial". Por iso "se a patronal coruñesa non reacciona, continuaremos coa batalla na rúa contra o convenio ARTE", xa que "non imos permitir que conxelen os nosos dereitos e os nosos salarios". O comercio, enfatiza, "é a actividade que máis riqueza crea nesta provincia, pero os inxentes beneficios que producimos son acaparados por escasas persoas, mentres nós temos problemas para manter as nosas familias".