Ao igual que o pasado 10 de decembro, centos de traballadoras do comercio téxtil na provincia da Coruña saíron á rúa este mércores noutra xornada de folga que coincide co primeiro día de rebaixas na maioría das tendas. Daquela as protestas foran contra o convenio que, segundo os sindicatos convocantes CIG e UGT, pretendía "impor" a patronal ARTE, integrada polas grandes compañías como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, Bimba&Lola, Uniqlo, Punt Roma, Mayoral, e que empeoraría as condicións do convenio provincial en vigor.
Centos de dependentas volveron saír ás rúas na Coruña noutra xornada de folga para reclamar "un marco galego que blinde os convenios provinciais"
Logo da exitosa xornada de protesta de hai case un mes, cun amplo seguimento da folga e a maioría das tendas pechadas ou a moito menor ritmo, CIG e UGT chamaron a un novo paro e nun día sinalado no comercio para "reclamar un marco galego que blinde os convenios provinciais" fronte ao estatal que pretende implantar ARTE.
"Aquí traballamos, aquí negociamos" ou "negociación aquí e non en Madrid" foron algunhas das consignas neste mércores, no que arredor dun milleiro de traballadoras, segundo os sindicatos convocantes nun sector moi feminizado, manifestáronse na Coruña.
Doutra volta, moitas tendas de roupa pecharon ou abriron a moito menor ritmo, tamén en centros comerciais como o Marineda e outros da provincia como o Odeón, en Ferrol. O paro, en cifras dos dous sindicatos, rolda un seguimento do 90%, cifra semellante á da folga de hai un mes.
CIG e UGT denuncian que o convenio estatal que negocia a patronal ARTE empeoraría as condicións do acordo provincial
Daquela, a patronal reaccionou ás mobilizacións en Galicia —e ás anteriores no País Vasco— aceptando dar prioridade á negociación autonómica. Foi entón cando a CIG, o pasado 11 de decembro, solicitou a través do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) xuntanzas coas patronais provinciais para "pactar un acordo marco galego que estableza a prioridade aplicativa dos convenios provinciais". Unha demanda que aínda non tivo resposta por parte das organizacións empresariais.
Ao tempo, a central nacionalista, a través das representacións sindicais en varias empresas, solicitou ás direccións o compromiso de que non aplicarían o convenio de ARTE no caso de que entrase en vigor, "petición que tampouco foi contestada". Foi esa a razón que levou tanto a CIG como UGT a esta nova convocatoria de folga para "visibilizar unha problemática laboral que afecta arredor de 2.500 persoas e unhas 40 compañías".
Mobilizacións de éxito en Galicia
Malia a mellora nos termos iniciais das negociacións que se levan a cabo en Madrid e a que CCOO —que non apoia as protestas e con Fetico ten maioría na mesa estatal— presentou na última xuntanza unha proposta "máis ambiciosa, desde CIG e UGT consideran que ese novo convenio estatal suporía "un grave retroceso e unha marcha atrás nas condicións económicas e laborais do persoal". Segundo denuncian, impón salarios máis baixos (entre 2.000 e 3.000 euros anuais menos), eliminar calquera concepto retributivo ligado á antigüidade e á permanencia, reducir as licenzas, suprimir a voluntariedade do traballo nos domingos e festivos, introducir maior flexibilización nos calendarios e horarios e recortar mesmo o complemento que se percibe nas situacións de incapacidade temporal.
No fondo do conflito, segundo explican fontes sindicais, está o éxito dunhas mobilizacións en Galicia e Euskadi que fixeron decatarse á patronal da dificultade de impor un convenio rebaixado en territorios onde a loita das traballadoras logrou acordos con melloras hai anos, con condicións máis favorables ás que hai en moitas outras provincias, sobre todo despois da suba acadada polas dependentas de Inditex en 2022.
"Este convenio de ámbito estatal tamén suporía neutralizar ou conxelar durante anos as melloras laborais e salariais que as traballadoras de territorios como Galiza ou Euskal Herria conseguiron introducir nos convenios provinciais a través da loita e da mobilización; e ao tempo, esta gran patronal tamén busca desmobilizar as persoas traballadoras do sector", di abertamente CIG-Servizos.
CCOO non secunda as protestas e advirte de que "Galicia segue atrapada nunha estrutura fragmentada" mentres se reivindica reforzar o marco autonómico de negociación
Desde Comisións, clave na negociación en Madrid, non concordan. Iván Cordeiro, secretario xeral de CCOO-Servizos de Galicia, advirte que "mentres se reivindica a necesidade de reforzar o marco autonómico de negociación, a realidade é que Galicia segue atrapada nunha estrutura profundamente fragmentada".
Fíxoo nun artigo publicado en Praza.gal no que lembra a CIG e UGT que "defender a centralidade dos convenios provinciais sen construír ao tempo un verdadeiro marco galego de negociación colectiva perpetúa a atomización". "Na práctica, supón consolidar un modelo que só funciona alí onde existe forza negociadora suficiente, deixando fóra amplas capas de persoas traballadoras", di.
"Reivindicar marcos autonómicos en abstracto mentres se defende na práctica a prevalencia provincial, incluso cando eses convenios non existen ou levan máis de dez anos caducados, é unha posición incoherente", di Cordeiro, que advirte que "mentres se protexe o convenio da Coruña, en Lugo non existe un convenio provincial operativo desde hai máis dunha década e nas outras provincias as condicións son claramente inferiores".
Folga en Textil Lonia
Por outra banda, o persoal da empresa Sociedad Textil Lonia de Ourense, convocado en asemblea, decidiu convocar dúas novas xornadas de folga para os vindeiros días 14 e 15 de xaneiro co obxectivo de reclamar unhas "condicións laborais dignas" ante a proposta “insuficiente e indignante” da empresa.
O cadro de persoal, segundo informa a CIG, aproveitou a xornada de folga do luns día 5 —a primeira de 24 horas tras os paros parciais convocados anteriormente— para desenvolver novas mobilizacións diante de tendas de Carolina Herrera e Purificación García na cidade.