Dependentas de Inditex en folga ven un "éxito" a protesta no inicio das rebaixas: "Non somos de segunda"

Protesta de dependentas de Inditex na coruñesa Praza de Lugo, durante a folga deste 27 de xuño de 2024 CC-BY-NC-SA CIG

As traballadoras reclaman "retomar a mesa de negociación provincial" da Coruña para abordar melloras nas súas condicións, mentres a compañía insta a CIG a participar no "espazo de negociación" a nivel estatal 

"Negociación aquí", "non somos traballadoras de segunda". Son algunhas das consignas que as traballadoras do grupo Inditex en folga na provincia da Coruña reiteraron este 27 de xuño, na xornada de paro xeral que convocaron da man da CIG cadrando co comezo das rebaixas de verán e en cuxo amplo seguimento xa ven un "éxito" polo seu "forte impacto" nas tendas.

Manifestacións na Coruña, Santiago e Narón fixeron ver alén dos propios establecementos unha reivindicación que ten na súa cerna a reclamación de que a multinacional con sede en Arteixo "retome a mesa de negociación provincial" das condicións laborais das traballadoras. Fontes oficiais da empresa, pola súa banda, subliñaban a Praza.gal nos últimos días que "existe un espazo de negociación a nivel estatal no que a CIG senta dende decembro" e onde, aseguran, manteñen "marxe" para lograr melloras.

Dependentas de Inditex en folga, ante unha tenda de Bershka no centro comercial As Cancelas (Santiago), este xoves CC-BY-NC-SA CIG

Pero as delegadas da CIG na provincia coruñesa onde, subliñan, a central sindical nacionalista ten "máis do 70% de representación", aseguran que "as propostas que se están a tratar na mesa de Madrid non supoñen ningunha mellora" de "condicións salariais, laborais ou sociais". Por iso poñen o foco na "capacidade das dependentas para decidir aquí as nosas condicións, sen tutelas e respectando a representación que saíu elixida nas eleccións sindicais".

As presidentas dos comités coruñeses de Zara e Stradivarius cifran entre un 70% e un 100% o seguimento da folga e sinalan axudas sociais, cómputo de antigüidade ou pluses por traballar tardes e sábados como claves nas negociacións "pendentes"

Neste sentido, as traballadoras mobilizadas que quedan "pendentes da anterior negociación" varios avances xa "recoñecidos a persoal doutras empresas do grupo coa mesma cualificación e convenio". Entre elas subliñan "axudas sociais, antigüidade, plus de traballo en tardes e sábados, bono de comida ou redución da xornada por idade". Tamén a "homoxeneización de condicións" entre as distintas cadeas do grupo en aspectos como categorías profesionais, libranzas ou calendarios.

Todas estas reivindicacións foron reiteradas nunha xornada de folga na que as presidentas dos comités provinciais de Zara e Stradivarius, Carmiña Naveiro e Lucía Domínguez, cifran o seguimento do paro nun 100% nas tendas de Narón. En Compostela calculan que lograron un 90% e na Coruña, arredor do 70%.

Manifestación das traballadoras de Inditex en folga, na Coruña este 27 de xuño CC-BY-NC-SA CIG

Neste sentido, as representantes sindicais acusan a empresa de realizar un amplo "volume de contratación de persoal eventual" para "tentar cubrir ao máximo ás dependentas en folga". Tamén por este motivo desenvolveron piquetes informativos dende as horas de apertura en puntos clave como a contorna da coruñesa Praza de Lugo, o centro comercial As Cancelas, en Santiago, ou o Odeón de Narón.

Protesta en Vigo pola "equiparación"

Alén da folga da provincia da Coruña, este xoves foi tamén xornada de protesta de dependentas de Inditex en Vigo. No seu caso, a mobilización convocada pola CIG-Servizos centrouse na reclamación de "equiparación laboral con outras provincias do Estado" e, como as súas compañeiras coruñesas, no "rexeitamento da política de centralización da negociación colectiva".

Protesta de dependentas de Inditex ante unha tenda de Zara en Vigo, este 27 de xuño CC-BY-NC-SA CIG

Entre os aspectos que reclaman equiparar, as traballadoras mobilizadas subliñan "o plus de tarde, o resto de axudas sociais e as reducións de xornada en función de idade que existen nas plataformas loxísticas" do grupo. "Se non se producen avances", di a CIG, a previsión do sindicato é convocar novas protestas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.