Aval ambiental da Xunta aos tres aeroxeradores que Inditex ten previsto construír no porto exterior de punta Lagosteira, en Arteixo. A multinacional erguerá tres muíños de 115 metros de altura e 170 de diámetro de rotor nun parque eólico de autoconsumo co que pretende obter enerxía para as súas instalacións en Sabón, a apenas catro quilómetros de distancia, tras un investimento total de 30 millóns de euros.
Inditex recibe o aval ambiental da Xunta ao seu futuro parque eólico no porto exterior, con tres muíños de 115 metros de altura para dar enerxía á súa sede, a uns catro quiómetros
O primeiro paso —e fundamental— para este proxecto cuxos trámites Inditex iniciou en 2021 está dado, ao obter o visto e prace da Consellería de Medio Ambiente, aínda que condicionado a que inclúa melloras, como algún mecanismo que deteña de maneira automática as pas para evitar a morte de aves ou un estudo sobre o efecto das sombras intermitentes dos aeroxeradores nos 500 habitantes do Portiño, ao nordés, xa na faixa costeira da Coruña.
Tras o anuncio a pasada semana do acordo definitivo para que Repsol traslade toda a actividade que aínda ten nos peiraos interiores da Coruña a punta Lagosteira, e con numerosas empresas do sector eólico optando a poñer en marcha proxectos para a fabricación de compoñentes para aeroxeradores, agora é Inditex a que avanza nos trámites para dotar ao porto exterior do seu primeiro parque eólico, cunha potencia instalada de case 20 megavatios (6,6 MW por cada un dos aeroxeradores) aínda que limitada a 18.
Será, segundo di Inditex na súa memoria anual de 2024, un proxecto de "autoconsumo destacable" co que pretende "xerar a enerxía renovable necesaria para cubrir a demanda eléctrica anual da sede en Arteixo e, ademais, abastecer de enerxía eléctrica limpa ás infraestruturas do porto".
O parque eólico ocupará unha superficie de case dúas hectáreas na parte norte de punta Lagosteira
Os tres grandes muíños situaranse na parte norte de punta Lagosteira e ocuparán un espazo de algo máis de 18.400 metros cadrados e de case 20.000 (dúas hectáreas) durante a fase de obras. Entre as necesidades está tamén a de ampliar unha subestación eléctrica do polígono de Sabón para poder dar saída á enerxía a través dunha nova liña eléctrica de evacuación soterrada de 1.300 metros de lonxitude e doutros 6.520 metros de alta tensión. Unha vez obtidos todos os permisos, a previsión é que a instalación dos aeroxeradores leve un ano.
Coa vila de Arteixo a tres quilómetros cara ao sur e a Torre de Hércules a oito quilómetros cara ao nordeste, o proxecto deste parque eólico completarase cos vieiros de acceso e servizo, plataformas de montaxe dos muíños e unha torre meteorolóxica. Dará enerxía ás instalacións de Inditex, aínda que tamén está previsto que os excedentes poidan ser usados por outras empresas.
En agosto de 2023, a Xunta declarara este parque eólico como "proxecto cunha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, cunha función vertebradora e estruturante do territorio". Por iso, está incluído dentro dunha das excepcións ao Plan sectorial eólico de Galicia. En resumo: a Administración permite a súa construción e localización en punta Lagosteira aínda que non estea contemplado no plan dos anos 90 e como consecuencia da inexistencia aínda dunha nova planificación malia que o presidente, Alfonso Rueda, prometeuna xa hai máis dun ano.
Durante a tramitación ambiental foron 178 as alegacións presentadas e varias institucións, como o Concello de Arteixo ou a propia Xunta, que pediron cambios no proxecto ou máis documentación á multinacional téxtil, que completou as achegas logo de que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural criticase as "carencias" do estudo de impacto ambiental.
A Xunta conclúe que o proxecto é "viable" se Inditex cumpre con algunhas condicións, como implantar mecanismos que eviten a colisión de aves ou o impacto visual sobre O Portiño
A Xunta conclúe que, finalmente, todos os organismos consultados "consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados" e que "sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera; das augas e leitos fluviais; do solo e infraestruturas; da fauna, vexetación e hábitats naturais; xestión de residuos e integración paisaxística e restauración, entre outros".
Respecto ao posible impacto sobre Bens de Interese Cultural (BIC) na contorna, por exemplo, o informe aclara que a distancia e os montes intermedios coa Torre de Hércules impiden esa afectación.
O 'pestanexo de sombras' sobre O Portiño
Agora, entre esas medidas que deberá levar a cabo Inditex está a de implantar mecanismos que eviten o risco de colisións de aves, con sistemas que detecten posibles impactos e que permitan parar automaticamente os aeroxeradores ao detectar paxaros. Tamén pintar as aspas dos muíños para reducir eses riscos, ademais de levar a cabo un control das poboacións destes animais e dos morcegos para determinar se hai afectación e poder así eliminar ou recolocar os muíños que causen problemas.
Entre as medidas a implementar está tamén a dun seguimento da posible incidencia sobre a poboación e a saúde humana do pestanexo de sombras (efecto que provoca o sol baixo a través das aspas), "en particular nas edificacións residenciais máis próximas no núcleo do Portiño". Terá que levar a cabo "as medidas mitigadoras oportunas", como pode ser a instalación de barreiras ou pantallas ou a programación de paradas temporais dos aeroxeradores se o efecto sobrepasa o limiar recomendado.
Inditex tamén deberá vixiar a presión sonora dos muíños e establecer medidas de control da auga e dos solos, ademais de ter unha especial vixilancia sobre os posibles restos arqueolóxicos, aínda que o informe xa destaca que a empresa advertiu de que non hai ningún ben dese tipo nas proximidades das obras e que "o único xacemento arqueolóxico situado dentro da poligonal do parque eólico atópase destruído polas obras do porto exterior".