90.000 metros cadrados. Esa é a superficie de terreo que quedará liberada na dársena interior da Coruña cando a terminal petroleira que Repsol ten nos peiraos da cidade complete o seu traslado ao porto exterior de Punta Lagosteira en Arteixo. Será a finais de 2027, tal e como se confirmou este venres no acto que presentou o acordo para completar esta mudanza, que supón unha operación estratéxica para o futuro da urbe e suporá un investimento total superior aos 260 millóns de euros.
Repsol completará a finais de 2027 o traslado total das operacións que aínda realiza na dársena interior de San Diego a Punta Lagosteira, liberando 90.000 metros cadrados na Coruña
O de onte foi un paso decisivo para a transformación da fachada marítima da Coruña. A sinatura do acordo entre a Autoridade Portuaria e Repsol permitirá completar o traslado de todas as actividades que a petroleira aínda mantén nos peiraos interiores e que supoñen o 60% do tráfico comercial da dársena, como advertiu o presidente do Porto, Martín Fernández Prado.
"Non é un traslado máis", dixo, xa que máis aló de ser unha "garantía de subministro" enerxético ou a consolidación dun importante polo industrial, supón "un cambio de era". O que significará a integración urbana deste espazo portuario liberado nunha cidade que é, con Cádiz, a capital de provincia do Estado máis pequena.
Así, eses 90.000 metros cadrados de espazos portuarios e ferroviarios quedarán agora a disposición da cidade para a súa reordenación, abrindo oportunidades e alternativas da que na urbe e a súa área metropolitana lévase anos debatendo.
A mudanza completará un proxecto xurdido hai 23 anos, cando o desastre do Prestige impulsou a necesidade dun porto exterior e refuxio
Este traslado previsto será a segunda fase, logo de que a actividade portuaria con xofre e carbón de coque se completase en 2017 e as descargas de cru se estean levando a cabo no posto exterior de Arteixo desde 2023. Todo tras un investimento de 126 millóns. O acordo asinado este venres supón o desembolso de 140 millóns para a mudanza do resto de actividades, que deberá rematar antes de que finalice 2027, data na que termina a concesión que Repsol ten en San Diego.
O pacto suporá tamén ampliar a concesión da petroleira en Arteixo ata os 50 anos —eran 35— e consolidar un espazo para Repsol de 127.000 metros cadrados entre solo e lámina de auga.
A construción do porto exterior en Punta Lagosteira supuxo unha débeda da Autoridade Portuaria co Estado que marca agora o futuro dos terreos liberados no porto
Cando o traslado remate, porase tamén fin a un traballo do que se comezou a falar xa nos meses que seguiron ao desastre do Prestige, hai 23 anos, cando se alertaba da necesidade de que Galicia contase cun porto refuxio para a xestión dos buques con mercadorías perigosas, coma os grandes petroleiros. E que estes, nomeadamente, debían deixar de entrar no porto da Coruña. Entre as promesas do Plan Galicia figuraba a construción dun porto exterior nas proximidades da cidade herculina onde trasladar as operacións de carga e descarga da refinaría de Repsol.
O posto exterior de Punta Lagosteira comezou a entrar en servizo hai máis dunha década cun investimento de máis de 700 millóns de euros que hipotecou as contas da Autoridade Portuaria e xustificou unha millonaria operación inmobiliaria nos peiraos interiores da cidade, desbotada xa en varias ocasións nos últimos anos, aínda que non parte do seu contido.
O protocolo Coruña Marítima, asinado en 2024 por todas as administracións implicadas, reafirmaba o carácter público dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería (os dous máis próximos ao centro da cidade) pero deixa abertas todas as posibilidades en relación ao peirao de San Diego, o mais extenso.
O debate sobre o que ocorrerá con este terreo que deixa Repsol, o 10% do espazo vinculado ao porto no centro da cidade que se quere redeseñar, continúa en pé mentres o Estado négase a perdoar a débeda millonaria que a Autoridade Portuaria adquiriu con Portos do Estado para a construción do peirao exterior de Lagosteira.
"Empeza a verse un soño"
Na sinatura do acordo de onte, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou o "diálogo entre as administracións" para unha segunda gran modernización da cidade que "non se pode facer en solitario". O secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano, pola súa banda, asegurou que "empeza a verse un soño" en referencia á transformación dos peiraos.
Ademais, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu de que o acordo para completar o traslado de Repsol non está a ter a relevancia que merece xa que "noutros lugares nin tan sequera comezou". Ademais, aproveitou para poñer en valor a industria e cargar contra a oposición a outros proxectos en Galicia. "Suporá un gran pulo para o porto exterior, así como un paso fundamental no proxecto de abrir a cidade ao mar, proxectos nos que a colaboración público-privada resulta fundamental", dixo.