A Coruña decide o futuro da súa fachada litoral co peirao de San Diego como clave

Vista aérea do Porto da Coruña © Porto da Coruña

O 22 de maio o Pazo de María Pita acollerá unha xuntanza entre todas as administracións implicadas no futuro dos terreos portuarios, un encontro, que "vai marcar unha folla de ruta clara", destaca o Concello

"Que veinte años no es nada, qué febril la mirada...", di o tango. En vinte anos pasan moitas cousas, aínda que ás veces semella que sempre estamos preto no punto de partida. En xullo de 2004 o alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, e o ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, asinaban xunto co daquela conselleiro de Política Territorial da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, un convenio para o desenvolvemento urbanístico dos terreos do Porto da Coruña unha vez que a maior parte da actividade portuaria fose trasladada a Punta Lagosteira. Un total de 433 mil metros cadrados de terreo que eran dominio público portuario serían desafectados, para construír alí vivendas, hoteis, zonas comerciais e oficinas. Porén, antes de que iso fose unha realidade estalou a burbulla inmobiliaria e o negocio demostrouse imposible durante varios anos.

Cambiamos de década e, superado o peor da Gran Recesión, regresou o proxecto de aproveitar os terros portuarios, un espazo clave da cidade, para a construción de grandes bloques de vivendas, centros comerciais e hoteis. Dun lado, a vontade da Autoridade Portuaria -co apoio da Xunta- para facer caixa e compensar así unha parte da millonaria débeda que arrastraba pola construción do Porto Exterior e que o Estado se negaba a condonar, como si fixera en Valencia. Do outro, a negativa do Concello da Coruña -primeiro gobernado pola Marea Atlántica e despois polo PSdeG- e dunha parte importante da cidadanía coruñesa -demostrada en varias manifestacións, en 2017 ou 2021- a aceptar a privatización dos terreos e o contido do convenio de 2004.

Instalacións portuarias na Coruña © Turismo de Galicia

Hai 20 anos, en xullo de 2004, o alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, e o ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, asinaban xunto co daquela conselleiro de Política Territorial da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, un convenio para o desenvolvemento urbanístico dos terreos do Porto da Coruña

Este longo proceso atravesou xuntanzas a varias bandas, informes que desbotaban a vixencia do convenio de 2004, intentos dende o Concello da Coruña de reconducir a situación de forma participada (o Foro Tecendo Litoral) e cun concurso de ideas no que agromaron propostas diversas sobre que facer coa fachada marítima da cidade. Despois chegaron tamén iniciativas diversas de adquisicións parciais de terreos por parte de Xunta e Concello.

As posicións non se moveron demasiado, aínda que a débeda de 200 millóns que pesaba sobre a Autoridade Portuaria comezou a pesar menos. O pasado ano o presidente do Porto, Martín Fernández Prado, afirmou publicamente que a actividade crecente de Punta Lagosteira será suficiente para pagar a débeda nos vindeiros anos, o que levou o Concello da Coruña a rexeitar pagar polos terreos, que xa son públicos. E esta mesma semana o Ministro de Transportes, Óscar Puente, anunciou que o Goberno do Estado estuda "reestruturar" a débeda que a Autoridade Portuaria da Coruña mantén con Portos do Estado, aínda que en principio isto non pasaría por unha condonación.

Está descartado que os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, que suman un espazo de 65.000 metros cadrados moi próximo ao centro da cidade, sexan o escenario da construción de vivendas ou espazos comerciais, polo que se converterán en zonas verdes ou de ocio, uns usos que en realidade xa están a ter nos últimos tres anos

Tamén se foi chegando a algúns consensos: semella que dende o ano 2017 está descartado que os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, que suman un espazo de 65.000 metros cadrados moi próximo ao centro da cidade, sexan o escenario da construción de vivendas ou espazos comerciais, polo que se converterán en zonas verdes ou de ocio, uns usos que en realidade xa están a ter nos últimos tres anos. Queda por determinar, polo tanto, o futuro do actual peirao petroleiro de San Diego, que aínda mantén actividade e que é, con moita diferenza, o de maior superficie -370.000 metros cadrados- e aparentemente o de maior interese para a realización de operacións inmobiliarias.

Manifestación pola devolución á cidade da Coruña da fachada marítima © Sandra García Rey

A xuntanza do día 22

Segundo o Concello, apóstase por facer "compatibles" usos "económicos, sociais, recreativos e de todo tipo, sen excluír nada", aínda que o acordo que saia deste novo proceso será moi distinto ao de 2004, un convenio "xa superado" e froito "dunha situación de burbulla inmobiliaria"

De todo isto se falará o vindeiro mércores 22 de maio no Pazo de María Pita, nunha xuntanza na que o Concello exerce de anfitrion e na que participarán todas as administracións implicadas no futuro do Porto. Segundo o voceiro do Goberno local coruñés e tenente de alcaldesa, José Manuel Lage Tuñas, o encontro, que "vai marcar unha folla de ruta clara", é resultado de "meses de traballo discreto e rigoroso".

A posición que o Concello da Coruña levará a esta xuntanza se basea en dous obxectivos: en primeiro lugar, asegurar a titularidade pública dos terreos e, en segundo lugar, dotar de "viabilidade económica e social á proposta definitiva para que a cidade gañe ese espazo portuario". Segundo Lage Tuñas, apóstase por facer "compatibles" usos "económicos, sociais, recreativos e de todo tipo, sen excluír nada", aínda que o acordo que saia deste novo proceso será distinto ao de 2004, un convenio "xa superado" e froito "dunha situación de burbulla inmobiliaria", segundo destacou hai uns días a alcadesa, Inés Rey.

Falarase, en primeiro lugar, da débeda que aínda mantén a Autoridade Portuaria co Estado central e das posibilidades de reestruturacións ou condonacións

Falarase, en primeiro lugar, da débeda que aínda mantén a Autoridade Portuaria co Estado central e das posibilidades de reestruturacións ou condonacións. O acordo semella doado nos xa referidos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, aínda que sobre a mesa estarán diversas solucións en canto á titularidade e aos usos específicos. Nos de Linares Rivas e A Palloza debe decidirse o futuro da Lonxa, que podería acabar sendo trasladada ao peirao pesqueiro de Oza, entre voces que reclaman o mantemento dos usos produtivos -nomeadamente pesqueiros- no porto.

Obras realizadas na entrada do peirao de Calvo Sotelo para a súa apertura ao público © Porto da Coruña

A clave de calquera acordo pasará polo peirao de San Diego, alí onde o convenio de 2004 proxectaba a meirande parte das novas construcións e ao redor de 5.700 vivendas

A clave de calquera acordo pasará polo peirao de San Diego, alí onde o convenio de 2004 proxectaba a meirande parte das novas construcións e ao redor de 5.700 vivendas, practicamente un novo barrio para A Coruña en primeira liña de mar. O mercado inmobiliario volve ser atractivo e os prezos da vivenda nova levan anos de ascenso, cunha demanda de vivenda que supera en moito á oferta, a pesar dos milleiros de inmobles baleiros existentes na cidade. O acordo entre Estado central, Xunta e Concello implicará probablemente a construción dun gran número de vivendas en San Diego. Cantas? En edificios de cantas alturas? Cantas públicas ou de protección oficial? Velaí está a cuestión.

Este xoves Óscar Puente cualificou de "urxente" a necesidade de atopar unha solución "baseada no valor social da transformación dos peiraos interiores" e falou de "reestruturar a débeda"

O acordo semella próximo; este xoves o ministro Óscar Puente cualificou de "urxente" a necesidade de atopar unha solución "baseada no valor social da transformación dos peiraos interiores". A cidade da Coruña semella a piques de asistir á unha toma de decisión crucial para o seu futuro e para a fisonomía da súa fachada marítima, semellante á que en 1850 deu lugar á creación dos Cantóns e os Xardíns de Méndez Núñez no chamado recheo. Algunhas cousas están claras, falta decidir os detalles. Pero xa se sabe que o demo está nos detalles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.