A empresa de participación estatal avanza un investimento de 18 millóns de euros e "entre 70 e 120 empregos directos de alta cualificación"
No día en que foron voadas as catro torres de refrixeración da antiga central térmica das Pontes, símbolo do seu poderío industrial, e dous meses despois de que a chinesa SAIC iniciase a tramitación para instalar tamén nesa vila parte do seu proxecto de ensamblaxe de vehículos con base principal no porto de Ferrol, este xoves Indra, participada polo Estado, anunciou a instalación tamén alí dunha nova planta de produción de vehículos militares. Segundo avanza, a fábrica xerará en Galicia "entre 70 e 120 empregos directos de alta cualificación".
A empresa informa de que vén de adquirir máis de 50.000 metros cadrados de terreos con unha superficie xa construída de 15.000 metros cadrados para implantar a nova fábrica, na que investirá "arredor de 18 millóns de euros". Ademais dos entre 70 e 120 empregos directos, asegura que haberá "numerosos postos de traballo indirectos na cadea de subministro, provedores e servizos asociados".
A planta das Pontes asumirá "a integración dos vehículos anfibios de combate, vehículos lanzapontes e sistemas de artillería sobre rodas" que Indra desenvolve para as forzas armadas españolas. As instalacións contarán cunha pista de probas propia.
Segundo a empresa, os seus plans "pasan por dispoñer dunha base industrial capaz de garantir entregas moito máis rápidas", polo que está a impulsar centros industriais en diversos puntos de España. "Só no ámbito da fabricación de vehículos no corredor norte, Indra disporá de capacidade de integración e produción de arredor de 500 unidades ao ano, o que converte esta rexión nun dos maiores polos industriais especializados en plataformas terrestres de Europa", di a empresa.
A Xunta, pola súa banda, ten en marcha unha estratexia para a militarización da economía galega con 183 millóns de euros de fondos públicos.