Funciona de maneira sinxela: abonda con escanear co móbil un código QR que está impreso nas botellas de Leite Río de Galicia
Leite Río presentou este xoves Milkchain, un sistema de rastrexabilidade certificada na industria láctea para asegurar a orixe do leite, así como a calidade e eficiencia dos procesos industriais relacionados co procesamento do produto. Funciona de maneira sinxela: abonda con escanear co móbil un código QR que está impreso nas botellas de Leite Río de Galicia.
Deste xeito, o consumidor ou consumidora poderá coñecer a orixe e o proceso que seguiu o leite que vai tomar. Dentro da aplicación, ademais de coñecer datos sobre a orixe do leite, a persoa usuaria poderá “coidar virtualmente das vacas”, cambiar litros de leite virtuais por premios e acceder a información sobre roteiros por contornas rurais.
A iniciativa integra “toda a rastrexabilidade do leite (desde a gandería, pasando polo transporte e o proceso na planta e ata chegar ao consumidor final)”
A iniciativa integra “toda a rastrexabilidade do leite (desde a gandería, pasando polo transporte e o proceso na planta e ata chegar ao consumidor final) nunha mesma plataforma”, destaca Leite Río de Galicia, que se converte “na primeira marca do sector en contar cunha aplicación que ofreza estes datos desde a orixe ata o consumidor”.
“Non é só leite: estamos a protexer unha forma de vida e estamos a crear un vínculo entre o consumidor e o produto que consome. Detrás do produto hai moitas familias e o medio de vida de moita xente. Hai que aprecialo e poñelo en valor”, di Carmen Lence
Na presentación da iniciativa interviron Javier Arias Fouz, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo; e Carmen Lence, CEO de Grupo Lence. Para Carmen Lence, con este proxecto, a compañía ensínalle á persoa consumidora “a alma do produto”. “Non é só leite: estamos a protexer unha forma de vida e estamos a crear un vínculo entre o consumidor e o produto que consome. Detrás do produto hai moitas familias e o medio de vida de moita xente. Hai que aprecialo e poñelo en valor”, destacou. Lence salientou que o obxectivo de Milkchain é “darlle aos consumidores a máxima transparencia e que saiban de onde vén o leite que están a consumir”.
Para que Milkchain sexa unha realidade, integráronse dispositivos de distintas naturezas, "dando un paso máis na dixitalización do sector lácteo para obter datos de forma fiable e rápida"
O proxecto do Grupo Lence, resultado de dous anos de traballo, foi desenvolvido conxuntamente por catro pemes galegas (Himikode, Innogando, PROYMAES e PSV et Dairy Quality), ademais do Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Granxa Campus Terra, da USC, contando con Medrar Smart Solutions como directores do proxecto. A iniciativa contou cun orzamento de 1,2 millóns de euros, dos que a Xunta achegou o 75% (case 950.000 euros) a través do programa Conecta Hubs, a liña de axudas de GAIN (Axencia Galega de Innovación).
Para que Milkchain sexa unha realidade, integráronse dispositivos de distintas naturezas (sensorización, visión artificial, impresión láser e blockchain, entre outros), "dando un paso máis na dixitalización do sector lácteo para obter datos de forma fiable e rápida", explican os responsables da aplicación.