A axuda á fabrica viguesa foi outorgada en 2017 sen "ningunha obriga de novos postos de traballo" e a Comisión Europea abriu unha investigación en 2019 sen que España puidese xustificar ata agora a legalidade
España vén de comunicar á Comisión Europea que retira unha axuda de preto de 20,7 millóns de euros que outorgou en 2017 a Stellantis, daquela aínda Peugeot Citroën Automóviles España SA, para a súa fábrica de Vigo logo de non poder xustificar a súa legalidade durante unha investigación que durou preto de sete anos. A axuda outorgouna o Goberno de Mariano Rajoy sen "ningunha obriga de novos postos de traballo" e a Comisión Europea dubidou de que contribuíse ao desenvolvemento de Galicia e agora o Goberno de Pedro Sánchez retira a axuda e a UE pecha a investigación.
A axuda de 20.660.434 euros foi outorgada en decembro de 2017 ao abeiro de "incentivos rexionais para a corrección dos desequilibrios económicos territoriais" e xa desde a súa concesión estaba condicionada a unha posterior revisión por parte da Unión Europea. En teoría a subvención debía ir dirixida a innovacións no proceso global de produción de automóbiles, pero a Comisión Europea sospeitou que realmente ían destinadas a unha mellora puntual da técnica empregada na fábrica viguesa dunha gran empresa, o que suporía afectar á libre competencia dentro da UE cunha axuda de Estado.
A Comisión Europea incoou un "procedemento de investigación formal" o 1 de xullo de 2019 e medio ano despois, en xaneiro de 2020, desvelou en que se baseaban as súas obxeccións, que foron varias.
Impacto rexional
A UE considerou que "o investimento tería sido máis rendible economicamente ou máis viable" noutra fábrica de Eslovaquia nunha rexión "polo menos igual de desfavorecida" que Galicia
Por unha banda a Comisión Europea manifestou "as súas dúbidas canto á contribución dos proxectos de investimento ao desenvolvemento da rexión en cuestión", en referencia a Galicia. Posto que eran unhas axudas estatais de finalidade rexional, a UE analizou ese efecto rexional e constatou que o investimento previsto para Vigo produciríase en detrimento doutra fábrica da mesma empresa na rexión eslovaca de Trnava.
"A axuda puido desviar o investimento 1 Trnava, onde, sen ningunha axuda, a primeira vista parece que a execución do investimento tería sido máis viable", dicía a Comisión, que engadía que "o investimento tería sido máis rendible economicamente ou máis viable nesa outra localización, polo menos igual de desfavorecida". lembraba que as
Emprego
A axuda ía estar condicionada a que a empresa mantivese "soamente" dous anos o número de empregos, que "descende despois do investimento" subvencionado
Por outra banda, a Comisión Europea tamén puxo o foco na ausencia de creación de emprego cos investimentos que a empresa ía realizar coa axuda recibida. "Non existe ningunha obriga de crear novos postos de traballo", dicía o executivo comunitario, que mesmo sinalaba que "o número de empregos descende despois do investimento" e dubidada das "intencións" da empresa "sobre o número de empregos unha vez transcorrido" o período de dous anos tras o investimento no que se comprometía "soamente" a manter o emprego.
A investigación da Comisión Europea prolongouse durante preto de sete anos sen que España fose quen de dar resposta a todas as obxeccións formuladas pola UE. Finalmente, o pasado 28 de xaneiro o Estado "retirou a súa notificación" da axuda á UE, isto é, a comunicación da subvención para que fose revisada por Bruxelas antes do seu outorgamento efectivo. E agora, posto que España "non continuará co proxecto de axuda", a Comisión decide "concluír o procedemento de investigación formal".