"O plan piloto vai amosar se unha persoa que recibe renda básica acepta empregos ou condicións laborais non desexables"

Sergi Raventós © Red Renta Básica

Este venres e sábado A Coruña acolle a XXI edición do simposio anual da Red Renta Básica, a plataforma estatal que dende hai dúas décadas vén impulsando a creación dunha renda básica universal e incondicional, unha proposta que foi gañando apoios cos anos ante o agravamento da desigualdade e os límites das actuais axudas sociais e mecanismos de loita contra a pobreza. 

Este venres e sábado A Coruña acolle a XXI edición do simposio anual da Red Renta Básica. Polo Paraninfo da UDC, baixo o lema de "Colocando a vida no centro”, pasarán algúns dos expertos e activistas máis significados deste campo

Polo Paraninfo da Universidade da Coruña, baixo o lema de "Colocando a vida no centro”, pasarán algúns dos expertos e activistas máis significados deste campo, como Sarah Babiker, David Casassas, Julen Bollain ou o propio Daniel Raventós, presidente da Rede. Así mesmo, haberá sesións centradas no impacto da Renda Básica nas profesións do social ou a súa importancia para rachar a fenda económica de xénero.

Outra das sesións centrarase nas "estratexias en marcha" para impulsar proxectos de aplicación práctica da renda básica universal, coma a Iniciativa Lexislativa Popular presentada en Euskadi esta primavera e rexeitada por PNV, PSOE, PP e Ciudadanos, a Plataforma Eureka (creada para impulsar a Iniciativa Cidadána Europea pola implantación de Rendas Básicas Universais en toda a UE) ou o Proxecto UBI4ALL (unha iniciativa que asignará por sorteo rendas básicas no territorio europeo para medir os seus efectos.

Cartel do XXI Simposio da Red Renta Básica ©

O Plan Piloto da RBU de Catalunya é o experimento de aplicación da renda básica universal máis importante dos realizados nunca no Estado español e durante dous anos entregará rendas básicas de contía significativa a 5.000 persoas, concentradas principalmente en dúas localidades

Nesa mesa estará tamén Sergi Raventós, responsable da Oficina para o Plan Piloto da RBU de Catalunya, unha iniciativa lanzada pola Generalitat e que podería comezar no ano 2023 (está pendente a súa asignación orzamentaria nas contas anuais que se debaterán nas vindeiras semanas). Trátase do experimento de aplicación da renda básica universal máis importante dos realizados nunca no Estado español e durante dous anos entregará rendas básicas de contía significativa (800 euros mensuais para adultos e 300 para menores de idade) a 5.000 persoas, concentradas principalmente en dúas localidades de pequeno tamaño nas que toda a poboación recibirá estas achegas.

Durante o tempo en que se desenvolva o plan piloto estudaranse os efectos individuais de estar percibindo esta renda básica e tamén as súas consecuencias colectivas nas dúas localidades seleccionadas. Raventós explicará na Coruña o deseño do Plan Piloto e a importancia que esta proba práctica ten para as opcións dunha implantación futura da renda básica universal no Estado español. Falamos con el.

Como vai ser o Plan Piloto que estades a deseñar en Catalunya?

O plan piloto de Catalunya vai tentar amosar como funcionaría unha renda básica nunha situación o máis parecida posible a un contexto real. Por suposto, con todas as limitacións que ten un plan piloto, comezando polo tempo, que son dous anos. Pero nós imos intentar que sexa o máis ambicioso posible, con cinco mil persoas e moi centrado en dous pequenos municipios, onde imos poder observar os efectos universais sociocomunitarios da renda básica.

O plan piloto de Catalunya vai tentar amosar como funcionaría unha renda básica nunha situación o máis parecida posible a un contexto real. A definición de individual, universal e incondicional da renda básica vai cobrar todo o sentido

Ademais, imos observar os efectos que se producen dentro dunha familia, porque a renda vai ser asignada a todas as persoas integrantes dun mesmo domicilio. E aí imos poder ver os efectos que teñen para a emancipación dos mozos e mozas ou na relación entre homes e mulleres.

O plan é ambicioso tamén nas cantidades mensuais, de 800 euros por adulto e 300 euros por menor de idade, cantidades que se outorgan independentemente da intensidade do traballo remunerado, a diferenza de moitas das actuais axudas sociais, que caen na trampa da pobreza, case obrigando as persoas a renunciar a buscar un emprego para poder cobrar unha axuda. En cambio, aquí a definición de individual, universal e incondicional da renda básica vai cobrar todo o sentido. Esa é unha das cousas máis destacables do plan piloto de Catalunya: que se achega moito á definición clásica da renda básica que coñecemos no plano teórico.

A aplicación da renda básica nesas dúas localidades de maneira 'universal' nesas dúas localidades é un dos aspectos máis rechamantes do plan piloto. Que efectos pensades atopar nesas vilas despois de dous anos?

Vai provocar isto que a xente acuda menos aos servizos sociais? Vai provocar que a xente acuda máis a servizos sanitarios que actualmente non están cubertos, como odontoloxía ou psicoloxía? Vai provocar un incremento das iniciativas empresariais, que a xente se asocie para poñer en marcha algún negocio? Esperamos atopar todo isto

Nós queriamos facer un plano piloto diferente aos que se fixeran ata agora. Moitos dos plans piloto realizados ata agora, dende Finlandia ata os Estados Unidos, analizaron máis os efectos individuais da renda básica. Temos tamén moitas experiencias que nos quedan lonxe no tempo ou no espazo, dende a India ata Canadá. Pero queriamos ver os efectos que isto pode ter en dous municipios cataláns, separados entre eles, ver que efectos agregados pode provocar no conxunto da localidade que todas as persoas reciban unha renda básica durante dous anos. Vai provocar isto que a xente acuda menos aos servizos sociais? Vai provocar que a xente acuda máis a servizos sanitarios que actualmente non están cubertos, como odontoloxía ou psicoloxía? Vai provocar un incremento das iniciativas empresariais, que a xente se asocie para poñer en marcha algún negocio? Esperamos atopar todo isto.

A renda é universal, pero cunha salvedade. Como este é un plan piloto reducido a dúas localidades, por suposto non se pode acompañar dunha reforma fiscal que completa a redistribución de riqueza dende as persoas con maiores ingresos ás persoas con menos. Así que o que fixemos foi excluír ao 10% máis rico, que non recibirá renda básica.

Un dos aspectos que figura habitualmente entre as críticas que recibe a proposta de renda básica universal é que pode supor un mecanismo de desincentivación da procura dun emprego. Porén, estas críticas esquecen realidades como a existencia de traballadores pobres, de traballos non remunerados ou da propia explotación laboral e precarización das condicións laborais. Que efectos esperades atopar no Plan Piloto?

Vas seguir aturando ese emprego que te está machacando fisicamente ou te está provocando problemas de saúde mental? Vas poder dedicar máis tempo á túa formación? A renda básica podería incrementar a liberdade e a capacidade de negociación da xente á hora de tratar segundo que ofertas de emprego

Aquí é fundamental responder á pregunta de que tipo de sociedade queremos e que tipo de vidas queremos vivir. Este debate habitualmente non se dá: damos por feito que a xente ten que traballar en calquera emprego e de calquera maneira. Pero o plan piloto vai permitir observar se unha persoa que recibe renda básica vai aceptar calquera emprego ou condicións laborais que non son desexables. Vas seguir aturando ese emprego que te está machacando fisicamente ou te está provocando problemas de saúde mental? Vas poder dedicar máis tempo á túa formación? Vas poder alongar os teus estudos? A renda básica podería incrementar a liberdade e a capacidade de negociación da xente á hora de tratar segundo que ofertas de emprego. A renda básica non só é unha medida para acabar coa pobreza, senón que é unha medida para incrementar a liberdade da xente.

Relacionado con isto sempre se destaca a capacidade que a renda básica poder ter para rachar as fendas económicas por sexos. Unha das mesas do simposio afondará nestas cuestións...

Si, esta é unha das grandes potencialidades da renda básica, que poden permitir ter un ingreso económico garantido e, á vez, desenvolver unha serie de actividades que non están remuneradas polo mercado, dende a formación ou unha afección ata, sobre todo, os traballos de coidados de fillos e fillas ou de persoas maiores que na actualidade recaen maioritariamente nas mulleres, especialmente cando non poden recorrer a coidadores externos, gardarías... Isto pode ofrecerlles unha maior liberdade para buscar un emprego e tamén escapar de relacións tóxicas ou de maltrato que teñen que aturar pola falta de ingresos propios.

Persoas de diversas idades nun parque de Vigo, nunha imaxe de arquivo © Concello de Vigo

Como está a afectar ao debate sobre a aplicación da renda básica o actual contexto político e económico, marcado pola crise de prezos pero tamén pola ruptura do dogma da austeridade?

En xeral, creo que nos últimos anos o debate sobre a renda básica foi avanzando porque vivimos en sociedade moi desiguais e con profundas inseguridades económicas e incertezas. Todo isto púxose moi de manifesto durante a pandemia e isto fixo que se erguesen importantes voces institucionais, dende a ONU ao Vaticano, en favor da renda básica. Estamos nun momento bastante importante. 

En xeral, creo que nos últimos anos o debate sobre a renda básica foi avanzando porque vivimos en sociedade moi desiguais e con profundas inseguridades económicas e incertezas

Hai ademais un factor, que vén sendo advertido por estudos e por informes da ONU e outras axencias, que é que as axudas sociais actuais non acaban de dar resposta a unha situación grave de pobreza, que afecta a moitas persoas que non son quen de chegar a fin de mes, xente que entra e sae do mercado laboral e está bastante desprotexida. Estas persoas moitas veces non poden nin sequera tramitar estas axudas, que esixen moitos requisitos e teñen problemas de acceso. Por este motivo cada vez son máis as voces que aposten por un cambio de modelo que garanta a ampliación da cobertura destes apoios, como é a renda básica.

Neste senso, os problemas que segue a ter a posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital (e os anteriores que presentaban outras rendas mínimas e axudas sociais) están a supor un reforzo da proposta da renda básica e dos vosos argumentos no seu favor?

Hai moitas persoas que necesitan axuda e non a solicitan porque non lle fai graza o estigma que supón o cobro dunha axuda social. En cambio, facer uso da atención sanitaria universal non está aparellado a ningún estigma, senón que todo o mundo acode a ela con normalidade e mesmo orgullo

As medidas para combater a pobreza están funcionando? Que limitacións teñen? A maioría das persoas que necesitaría estas axudas non está accedendo a elas, ben por falta de información, ben polas complexidades burocráticas e a esixencia de documentación e requisitos que se converten nunha barreira, ben polo problema da trampa da pobreza polo que moita xente non se atreve a coller un emprego porque sabe que lle van retirar esta axuda. 

E despois está o problema da estigmatización; hai moitas persoas que necesitan axuda e non a solicitan porque non lle fai graza o estigma que supón o cobro dunha axuda social. En cambio, facer uso da atención sanitaria universal non está aparellado a ningún estigma, senón que todo o mundo acode a ela con normalidade e mesmo orgullo. Esta é a gran diferenza dos servizos de tipo universal coas prestacións específicas para colectivos determinados.

Hai uns meses Julen Bollain dicía en entrevista con Praza.gal "a renda básica vai chegar, a cuestión agora é como chega: abandeirada polo progresismo ou polos grandes empresarios". Estás de acordo

Fíxosenos caso en varios aspectos, valorando as posibilidades que a renda básica universal ten como medida de redistribución da riqueza, como medida para acabar coa pobreza e como fortalecemento do Estado de Benestar

Si, isto é fundamental. Aquí a clave é a maneira en que imos abrindo unha fenda dende distintos ámbitos. Neste caso, creo que o Goberno de Catalunya se achegou ás propostas que chegan do campo da esquerda e especialmente o traballo que vén realizando a Red Renta Básica nos últimos 20 anos. Fíxosenos caso en varios aspectos, valorando as posibilidades que a renda básica universal ten como medida de redistribución da riqueza, como medida para acabar coa pobreza e como fortalecemento do Estado de Benestar, como unha pata máis dos grandes piares do Estado de Benestar, todos eles de carácter universal. 

Temos que profundar nesta política, sempre co obxectivo de que a xente viva vidas máis felices e máis útiles das que actualmente están vivindo, con efectos claros na saúde das persoas, especialmente no que atinxe á saúde mental, problemas de adiccións e demais. A clave é garantir que a xente teña uns mínimos para poder subsistir, garantir que a xente teña o dereito a uns ingresos básicos, igual que ten dereito á sanidade ou ao ensino.

Retransmisión ao vivo do XXI Simposio da Rede Renda Básica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.