O alto tribunal remítese a sentenzas previas como a que tamén desbotou pagar a Audasa 46 millóns e lembra que a normativa "non asegura a ganancia do concesionario en todo caso e fronte a todos os avatares"
O Tribunal Supremo vén de emitir un auto, con data do 16 de outubro, co que inadmite un recurso de casación da concesionaria da Autovía do Barbanza, controlada por Sacyr, que pretendía que a Xunta a compensase polo que deixou de gañar en peaxe en sombra nesa infraestrutura durante a pandemia da COVID-19. O alto tribunal remítese a sentenzas súas previas como a que hai medio ano tamén desbotou pagar a Audasa 46 millóns e lembra que a normativa "non asegura a ganancia do concesionario en todo caso e fronte a todos os avatares".
Tras as restricións de mobilidade que supuxo a pandemia, numerosas concesionarias de autoestradas ou autovías con peaxe en sombra de todo o Estado pediron compensacións ás respectivas administracións competentes sobre cada infraestrutura. Así o fixeron tamén varias concesionarias de autovías con peaxe en sombra da Xunta, ás que esta denegou as súas pretensións. Recorreron á xustiza pero primeiro tribunais do Contencioso-Administrativo e despois o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desbotaron os seus argumentos.
No caso da Autovía do Barbanza, controlada por Sacyr, un xulgado de Santiago rexeitou o seu recurso contra a Xunta en marzo de 2023, e despois en marzo deste 2024 a sentenza foi ratificada polo TSXG. Pero a concesionaria foi máis alá e recorreu en casación ante o Tribunal Supremo. E este agora inadmite o seu recurso porque considera que xa se pronunciou abondo no pasado sobre esa cuestión e non hai diferenzas entre este e outros casos xa rexeitados pola Xustiza.
O Supremo lembra que non pode "confundirse" a "imposibilidade" de executar un contrato "coa dificultade" de facelo
O Supremo salienta no seu auto que "existe xurisprudencia desta Sala en materia de solicitudes de restablecemento do equilibrio económico de concesións, que, aínda que se ditaron en materia de autoestradas estatais, resolven substancialmente os problemas derivados destas solicitudes". E o primeiro caso que cita como exemplo é o de Audasa e os 46 millóns de euros que pediu en compensacións polo que deixou de gañar na AP-9 durante a pandemia, reclamación desestimada polo supremo en sentenza do pasado 15 de marzo.
O Supremo cita a súa propia xurisprudencia e lembra que non pode "confundirse" a "imposibilidade" de executar un contrato "coa dificultade" de facelo, "tendo en conta que a duración dos contratos de concesión se prolonga durante anos e o período afectado pola situación descrita refírese a uns meses, debendo ser valorado o reequilibrio no conxunto da prestación, pois do contrario implicaría que a Administración tería que asegurar ao concesionario fronte a toda continxencia que alterara os termos da súa prestación".
O alto tribunal engade que "non toda alteración do equilibrio das prestacións dá dereito a restablecelo" xa que "o contrario implicaría que o principio de risco e ventura quedaría abeirado". Así que o Supremo conclúe que "existe xurisprudencia desta Sala que viría resolver as cuestións formuladas, se ben en sentido contrario ao pretendido pola parte recorrente", á que inadmite o seu recurso e lle fixa o pago de costas xudiciais ata un máximo de mil euros.
A Autovía do Barbanza é unha das catro que o Goberno galego vai rescatar despois de que o Consello de Contas detectase hai un ano que a Xunta está a pagar de máis polas súas peaxes en sombra
A concesionaria da Autovía do Barbanza é unha das catro que o Goberno galego vai rescatar despois de que o Consello de Contas detectase hai un ano que a Xunta está a pagar polas súas peaxes en sombra máis do que debera. No caso do Barbanza, o Goberno galego prevía seguir pagando por ela outros 200 millóns de euros ata o remate da súa concesión en 2036, 12,5 millóns só neste 2024. Para todas as catro autovías a rescatar a Xunta prevía pagar uns 625 millóns ata o remate das súas concesións e agora vai pagar xa 297 millóns para facelas públicas e aforrar nos vindeiros anos uns 330 millóns.