As tarifas e os prazos para lograr cita varían en Asturias e Castela e León, con prezos máis ou menos caros que os galegos segundo as categorías
A folga indefinida xa convocada para as estacións galegas de ITV a partir do 16 de setembro ameaza con facer aínda máis difícil conseguir unha cita para pasar a revisión. Este venres, no momento en que foi anunciada a folga indefinida, xa era imposible conseguir cita antes do día 23 na inmensa maioría das 26 estacións fixas repartidas por todo o país.
A folga ou as dificultades para atopar unha cita non son eximente para a obriga de circular coa ITV ao día, o que pode acabar nunha sanción de tráfico. Pero non é obrigatorio pasar a ITV no lugar no que está matriculado ou no que se paga o imposto de circulación do vehículo, como lembra a asociación de empresas de ITV (AECA), que confirma que a revisión pódese pasar en calquera comunidade autónoma.
Así que ante a folga en Galicia na empresa que presta o servizo para a Xunta en réxime de monopolio, SYC, a mirada vírase cara a Castela e León e Asturias, en concreto a Navia, Ponferrada e Pobra de Seabra, onde están as tres estacións de ITV máis próximas. Tamén hai unha ITV en Cangas do Narcea, pero as comunicacións desde Galicia son moi malas e tárdase hora e media en recorrer os 80 quilómetros que separan esa poboación da Fonsagrada.
A asociación de empresas de ITV (AECA) confirma que a revisión pódese pasar en calquera comunidade autónoma
A estación de ITV de Ponferrada está na entrada a esa localidade desde Galicia pola N-VI, a uns cen quilómetros e unha hora de viaxe desde Lugo cidade, ou a uns 40 quilómetros e media hora desde O Barco de Valdeorras. Alí esta pasada fin de semana era posible atopar cita para o 12 de setembro para un turismo ou para o 10 de setembro para un vehículo pesado.
Máis difícil é atopar cita na ITV de Pobra de Seabra, situada no polígono empresarial ao norte da vila, a uns 80 quilómetros e 50 minutos de Verín. O funcionamento desta estación é descontinuo e esta fin de semana non ofrecía citas nin para turismos nin para vehículos pesados ata a última semana de setembro.
Similares dificultades para atopar unha cita hai en Navia, na ITV do polígono de Xarrio, na entrada a esa vila desde Galicia, a 25 quilómetros e apenas 15 minutos de Ribadeo. Alí podíanse atopar citas para motos e vehículos pesados a finais de setembro pero para turismos non había ocos ata dentro de case dous meses.
No que respecta ás tarifas, estas varían entre as comunidades segundo as categorías dos vehículos e o tipo de revisión. Para unha ITV periódica as revisións das motos son máis baratas en Castela e León, segundo a web de Itevelesa, a empresa que opera as estacións de Ponferrada e Pobra de Seabra. En Asturias, segundo Itvasa, son máis baratas as ITV dos turismos ou furgonetas diésel, mentres que os turismos ou furgonetas de gasolina presentan unha tarifa similar á galega. Uns prezos aos que hai que sumar o custo de desprazamento ata esas ITV fóra de Galicia.