Rueda admite "preocupación" polo freo da economía galega

Reunión do Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente estende a alerta do Foro Económico ou da Airef sobre o último trimestre de 2022 tamén ao inicio deste 2023 pero di que “todo indica que poderiamos cumprir os obxectivos de crecemento"

Hai uns días o Foro Económico de Galicia alertou, como tamén o vén de facer a Autoridade Fiscal, do enlentecemento “significativo” da economía galega no último trimestre do pasado ano. Sobre esa cuestión foi preguntado este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que admitiu a súa “preocupación” ao respecto e estendeuna tamén ao comezo deste 2023, aínda que dixo que “todo indica que poderiamos cumprir os obxectivos de crecemento deste ano”. 

Previsións macroeconómicas da Xunta para 2023 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Rueda contrapuxo a súa preocupación co “optimismo a toda costa” que atribúe ao Goberno de España, cando “a realidade desmíntenos un panorama xeral bastante complicado”. O presidente dixo que malia o freo no remate do ano, Galicia cumpriu as súas expectativas para o conxunto do exercicio. E engadiu que “estes primeiros meses do ano non ían ser fáciles, non o están sendo, pero todo indica que poderiamos cumprir os obxectivos de crecemento”.

Segundo os Orzamentos da Xunta para este ano, a súa previsión é que, fronte ao 5,2% de suba do PIB de 2021 e o 3,6% estimado para 2022, a economía galega medre un 1,7%.

Rueda tamén foi preguntado polas medidas que está a tomar o seu Goberno para actuar ante a situación económica, ao que o presidente respondeu citando diversas axudas sectoriais, como as convocadas para autónomos a comezos deste mes en función da rapidez con que as pedise cada persoa interesada. Precisamente no Consello da Xunta deste xoves o Goberno galego decidiu ampliar de 30 a 35 millóns os fondos previstos para esas axudas.

O presidente Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Rueda defende a suba do salario mínimo pero reprocha que se fixese “sen falalo con quen hai que falalo”, en referencia á patronal

O presidente tamén se pronunciou sobre a nova suba do salario mínimo decidida polo Goberno de España. Segundo dixo, está de acordo coa consideración do seu antecesor e presidente do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo, de que é necesario que os salarios melloren, pero reprochou ao executivo central que o fixese sen “negociar” coa patronal, “sen falalo con quen hai que falalo”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.