Ryanair debe pagar 1.900 euros de lucro cesante a un home que perdeu un negocio pola cancelación dun voo

Avións de Ryanair © Ryanair

A Audiencia de Pontevedra salienta que "non se está ante hipotéticos traballos ou expectativas de ganancias, senón ante labores contratadas para días concretos que non puideron levarse a cabo pola cancelación do voo"

A Audiencia Provincial de Pontevedra vén de facer pública unha sentenza que condena a Ryanair a pagar 3.874 euros a un home e o seu fillo menor de idade pola cancelación dun voo de volta desde Tenerife, cifra na que inclúe 1.913 euros de lucro cesante por un negocio que perdeu o afectado. A sentenza salienta que "non se está ante hipotéticos traballos ou expectativas de ganancias, senón ante labores contratadas para días concretos que non puideron levarse a cabo pola cancelación do voo".

Sede da Audiencia de Pontevedra © Google

Tras a cancelación do seu voo, o home tivo que mercar outro e incorreu en gastos de aloxamento, comida e alugueiro dun vehículo. Presentou unha demanda contra Ryanair e inicialmente un xulgado de Caldas de Reis estableceu que tiña dereito ao reembolso de 1.161 euros por gastos máis a 800 euros de indemnización segundo o establecido pola normativa da Unión Europea, pero denegou o lucro cesante. 

O home recorreu e agora a Audiencia de Pontevedra vén de darlle a razón. O tribunal considera acreditado que o negocio de lavado de vehículos do home tiña asinados acordos antes da súa viaxe para lavar diversos vehículos de dúas empresas de construción tras a súa volta inicialmente prevista. Pero a cancelación do voo impediu que puidese facer eses traballos.

En total a xustiza establece que o home ten dereito a recibir 1.161 euros por gastos nos incorreu para voltar á casa, 800 euros de indemnización e 1.913 euros por lucro cesante

A sentenza sinala que "non se está ante hipotéticos traballos ou expectativas de ganancias, senón ante labores contratadas para realizar en días concretos e que non puideron levarse a cabo por causa da cancelación do voo". Tamén matiza que "se, no seu caso, tales traballos se realizasen noutro momento posterior, sempre sería en detrimento de novos encargos ou contratos, é dicir, con perda de horas de traballo e oportunidades de ingresos". E incluso engade que "da mesma forma, se o actor, o día que non acudiu ao traballo, tivese cobrado outras labores que non constasen orzamentadas, sería porque as realizaría con anterioridade, como lóxica e racionalmente se conclúe". 

O conselleiro delegado de Ryanair, Michael O'Leary © Ryanair

Así, a Audiencia de Pontevedra condena a Ryanair non só a pagar os 1.900 euros de gastos e indemnización senón tamén outros 1.900 euros do lucro cesante, máis os xuros legais desde a primeira reclamación extraxudicial do home en xullo de 2022.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.