Segundo venres de folga nos buses da provincia da Coruña tras o seguimento masivo da pasada semana

Protesta en Santiago durante a primeira xornada da folga de buses o pasado venres 5 de decembro © CIG

CIG, UXT e CCOO demandan mellores condicións laborais que aliviarían tamén os problemas de remuda xeracional das empresas

CIG, UXT e CCOO convocaron para este venres unha segunda xornada de folga no transporte en autobús en toda a provincia da Coruña tras o seguimento masivo dos paros do pasado venres, cando mesmo se incumpriron servizos mínimos. A folga reclama a actualización do convenio provincial do sector con melloras salariais e das condicións laborais e está convocada tamén para os vindeiros luns 15 e venres 19 de de decembro, coa ameaza de virar en indefinida "á volta do Nadal" se non se acada un acordo coa patronal, para o que os sindicatos piden á Xunta que actúe como responsable das concesións de servizo público que sustentan á gran maioría das empresas.

Unha parada de bus baleira en Santiago durante a primeira xornada de folga do pasado venres 5 de decembro CC-BY-SA Praza Pública

A folga non afecta ao transporte urbano da Coruña, que dispón de convenio colectivo propio, pero si a todo o resto do transporte tanto urbano como interurbano e regular, escolar ou discrecional que teña orixe, destino ou parada na provincia da Coruña. Na primeira xornada de folga do pasado venres quedou paralizado por completo durante a mañá o transporte urbano de Santiago e só tras varias horas comezaron a funcionar servizos mínimos, un problema que os sindicatos atribuíron a que a Xunta ditou uns servizos mínimos excesivos. [Aquí poden consultarse os servizos mínimos]

A protesta laboral está convocada en demanda de melloras salariais e condicións laborais, de xeito que os propios sindicatos argumentan que iso "permitiría a renovación xeracional do sector, que conta cun persoal cunha elevada idade media, e no que as empresas día tras día se queixan da falta de man de obra"

Protesta na Coruña durante a primeira xornada da folga de buses o pasado venres 5 de decembro © CIG

A folga tamén quere "sacar o persoal acompañante do transporte escolar das condicións de escravitude na que están", con "contratos de 114 minutos diarios" para "salarios de 250 euros"

Desde a CIG ponse tamén o foco na necesidade de "sacar o persoal acompañante do transporte escolar das condicións de escravitude na que están", con "contratos de 114 minutos diarios" para "salarios de 250 euros". Un sistema de transporte escolar que a Xunta prorrogou hai dous anos malia as súas eivas.

Mentres, as concesionarias de bus da Xunta en toda Galicia veñen de recibir, segundo revelou en outubro Praza.gal en exclusiva, outros 17 millóns de euros en axudas públicas pola "excepcional situación económica".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.