Hai xa unha cuarta convocatoria de paros para o vindeiro venres 19 e a ameaza de virar indefinida "á volta do Nadal"
Este luns a provincia da Coruña vive a terceira xornada de folga en todos os autobuses urbanos, interurbanos ou escolares que teñan saída, chegada ou parada nalgún punto da provincia. Os paros, convocados por CIG, UXT e CCOO reclaman un novo convenio colectivo provincial e deles só se libra o transporte urbano da Coruña, con convenio propio. [Aquí poden consultarse os servizos mínimos]
Os paros dos venres 12 e 19 tiveron un seguimento masivo, mesmo incumprindo servizos mínimos, o que os sindicatos atribuíron a que foran establecidos pola Xunta de forma abusiva e excesiva. Para esta terceira xornada agárdase un seguimento similar e xa está convocada unha cuarta o vindeiro venres 19, coa ameaza de que a folga vire indefinida "á volta do Nadal" se non se acada un acordo coa patronal, para o que os sindicatos piden á Xunta que actúe como responsable das concesións de servizo público que sustentan á gran maioría das empresas.
De momento as negociacións non avanzan, o que os sindicatos atribúen á patronal despois de que non presentase ningunha proposta en varias xuntanzas co convenio caducado desde hai catro anos. Segundo a CIG, "a única oferta do empresariado foi un incremento ridículo do 1,2% para este 2025, mais cunha rotunda negativa a modificar nada do resto do articulado". Porén, os sindicatos non só reclaman mellora salarial senón que poñen o foco nas condicións laborais, o que segundo argumentan "permitiría a renovación xeracional do sector, que conta cun persoal cunha elevada idade media, e no que as empresas día tras día se queixan da falta de man de obra".
CIG, UXT e CCOO demandan condicións laborais que aliviarían tamén os problemas de remuda xeracional das empresas e rematar coa "escravitude" do persoal acompañante do transporte escolar
Outra das reivindicacións dos sindicatos para un novo convenio refírense á "necesidade de avanzar na dignificación das condicións de escravitude do persoal acompañante do transporte escolar". "Un colectivo altamente feminizado e precarizado que sofre contratos miserentos de 114 minutos, xornadas que non se computan na súa totalidade e que incluso ten que pór cartos dos seus petos para traballar porque non teñen nin o transporte gratis para as liñas nas que traballan", salienta a CIG.
Mentres, as concesionarias de bus da Xunta en toda Galicia veñen de recibir, segundo revelou en outubro Praza.gal en exclusiva, outros 17 millóns de euros en axudas públicas pola "excepcional situación económica". Ao tempo, e como contou o venres tamén en exclusiva Praza.gal, Monbus e Alsa veñen de ser sancionadas pola Comisión Galega da Competencia con 1,6 millóns de euros de multa e prohibición de contratar coa Xunta durante un ano por repartírense o mercado das liñas regulares.