Como cos eólicos, a plataforma SOS Groba e o Concello de Oia, do PP, están a mobilizarse para presentar alegacións contra os proxectos
Hai dous anos a Xunta tombou, polo seu impacto ambiental, o intento de instalar catro parques eólicos na serra da Groba, entre Baiona e A Guarda, a última gran serra litoral galega sen aeroxeradores e con valores naturais e paisaxísticos relevantes. Pero iso non fixo desistir a outras empresas de tentalo novamente. A comezos deste ano presentáronse para a súa avaliación ambiental proxectos para outros catro aeroxeradores e agora vén de coñecerse que Jealsa, a través de dúas filiais, quere construír no alto da serra dúas centrais hidroeléctricas de bombeo con auga do mar.
Igual que cos eólicos, non é a primeira vez que se tramita un proxecto para unha central de bombeo na serra da Groba. En 2022 outro proxecto similar, denominado Punta Centinela, xa comezara a tramitación nunca culminada para obter a necesaria concesión de Costas e instalar unha balsa para unha central hidroeléctrica de bombeo con auga do mar no alto da serra ao norte do concello de Oia, nas proximidades de Baiona.
Agora os dous novos proxectos, que igualmente comezan a súa tramitación pública coa solicitude das respectivas concesións costeiras, situaríanse máis ao sur, o denominado Fonte das Mañas aínda no concello de Oia e o denominado Portocelo nesa zona do veciño concello do Rosal.
Desde SOS Groba, a plataforma que de xeito máis activo está a informar das implicacións de todos os proxectos nesa contorna, saliéntase que as memorias técnicas tanto do proxecto de 2022 como dos dous actuais "están asinadas polo mesmo enxeñeiro, que ademais foi socio e director xeral doutra empresa enerxética na que o grupo promotor actual ten participación". Uns proxectos que teñen en todos os casos unhas balsas dunhas dimensións similares, de arredor dunhas 20 hectáreas de superficie no alto da serra, ás que hai que sumar as conexións hidráulicas e eléctricas.
Os dous proxectos actuais, ademais, malia presentarse por separado para solicitar as concesións costeiras, están conectados entre si. Por iso SOS Groba critica que "tramitalos coma proxectos separados, evitando así a avaliación conxunta dos seus efectos acumulativos sobre un territorio de elevado valor ecolóxico, paisaxístico e patrimonial, é unha fragmentación que busca fraudulentamente esquivar esa avaliación conxunta á que a lei obriga".
SOS Groba alerta da "fragmentación" dos proxectos e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, do PP, di que o Concello "mantén unha posición clara en defensa dos intereses xerais de Oia e da protección do seu patrimonio natural"
Pero non é só SOS Groba quen mira con receo os novos proxectos hidroeléctricos. Tamén o Concello de Oia, gobernado polo PP, que xa se pronunciou en contra dos parques eólicos, está a mobilizar á súa cidadanía para informala e animala a presentar alegacións. Este xoves convocou á veciñanza a unha reunión ás 19 horas nas Escolas de Loureza para "explicar a liña das alegacións municipais en contra da súa implantación". A alcaldesa, a popular Cristina Correa, asegura que o Concello "mantén unha posición clara en defensa dos intereses xerais de Oia e da protección do seu patrimonio natural".
Unhas alegacións que SOS Groba anima a acelerar salientando que o prazo para facelo remata o 12 de agosto para o proxecto de Fonte das Mañas e o 17 de agosto para o de Portocelo.