Un Xulgado do Mercantil da Coruña denega a apertura da fase de liquidación de Alu Ibérica

Interior da planta de Alu Ibérica, na Coruña, paralizada CC-BY-NC-SA CCOO-Galicia

A xuíza non descarta dar ese paso no futuro pero de momento limítase a pedir máis informes

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña acorda denegar a apertura da fase de liquidación de Alu Ibérica LC interesada polo administrador xudicial xunto coa solicitude de declaración de concurso. A xuíza indica no auto, contra o que cabe presentar recurso, que “resultaría imprudente acordala agora pola solicitude da administración xudicial cando, como pouco, existen dúbidas sobre o alcance das súas facultades para instar a liquidación, e tendo en conta as consecuencias, en particular no referido á disolución da sociedade”.

A maxistrada, con todo, sinala no auto que a denegación da apertura da fase de liquidación a realiza “sen prexuízo do que se poida solicitar e acordar durante a tramitación do procedemento”.

Queima de pneumáticos ante a planta da antiga Alcoa na Coruña CC-BY-SA CCOO-Galicia

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña declarou en concurso voluntario de acredores a Alu Ibérica LC, tras considerar acreditado o seu estado de insolvencia. Nese auto, de data 30 de novembro, a maxistrada non resolveu sobre a solicitude de apertura da liquidación da sociedade, pois consideraba que non procedía pronunciarse sobre esa cuestión nese momento procesual. Por iso, a xuíza concedeu un prazo de cinco días ao administrador xudicial, que actúa en nome da empresa, para acreditar que estaba autorizado para solicitar a liquidación e, ademais, outorgou ao administrador concursal designado un prazo de cinco días desde a súa toma de posesión para informar sobre a apertura da liquidación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.