O programa Disimulen, que dirixe Iago Martínez en Cuac FM, repasa esta tarde o primeiro ano de Praza Pública. Podedes escoitalo dende esta ligazón.
Fálase
O xuíz prohíbelle a Luis Bárcenas, ex tesoureiro do PP, saír de territorio español por risco de fuga. Recólleo El Diario.
O colectivo Novo Socialismo Galego anima a asinar o seu manifesto: "O que suceda dependerá de nós. Da nosa capacidade de rexeneración"
Beiras intervén por unha "cuestión de orde" no pleno do Parlamento e explícalle á presidenta que empregar o termo "estúpido" nun debate parlamentario "non constitúe un improperio nin un insulto, senón un epíteto" que "ten o mesmo étimo que estupefacto". O voceiro de AGE, que reclamaba que se "poida falar con liberdade" tras un apercibimento ao deputado David Fernández, foi chamado á orde por Pilar Rojo "por non sentar" cando llo indicou.
El Diario recompila os datos sobre violencia machista "que demostran que Toni Cantó mente" ao afirmar que a maioría das denuncias son falsas.
En Italia as primeiras proxeccións con escrutinio real contradín as sondaxes a pé de urna. Berlusconi tería unha lixeira vantaxe no Senado (31%) sobre o centroesquerda (29%) e o Movemento 5 Estrelas obtería un resultado mellor do agardado (25%). Estes resultados farían moi difícil a gobernabilidade.
As sondaxes a pé de urna en Italia danlle a vitoria ao centroesquerda de Bersani (34-38%), seguido de Berlusconi (28-32%) e Beppe Grillo (19-21%). Monti fica por debaixo do 10%.
Xosé Luís Méndez Ferrín vén de presentar a súa dimisión como presidente da Real Academia Galega. Este luns o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, denunciou nunha entrevista en La Voz de Galicia un intento de "colonización" da institución por parte do ILG e do Consello da Cultura. E a Mesa pediu "explicacións" por supostas "presións" para que a RAG "non presentase o recurso en defensa do galego no ensino". Máis información, nuns minutos en Praza.
O deputado de UPyD Toni Cantó afirma en twitter que "a maior parte das denuncias por violencia de xénero son falsas". O comentario provocou xa centos de reaccións nas redes sociais.
Catro concellos galegos reclaman no Supremo que a Igrexa pague o IBI. Amoeiro e Coles, gobernados polo PSOE, e A Peroxa e Vilamarín, do PP, únense así ás reclamacións que xa fixeran varios municipios con alcaldías do BNG.