Os Estados Unidos, Reino Unido e Francia bombardean Siria. O xornal The Guardian está a facer un seguimento ao vivo do ataque, que sinalan como represalia dun presunto ataque químico do Goberno dese país, cuxa investigación aínda non comezou.
Fálase
O Breogán regresa á ACB 12 anos despois tras impoñerse por 93-89 ao Sammic Hostelería nun emocionante partido cun Pazo dos Deportes de Lugo ateigado. O equipo breoganista será recibido este mediodía no Concello lucense (12:30) para celebrar a vitoria cando aínda restan dúas xornadas de campionato. (Imaxe: FEB) Consulta aquí a crónica do encontro.
Dimite o deputado de En Marea Juan Merlo por incluír no seu currículo do Parlamento unha licenciatura que non ten. Merlo é tamén o 'número dous' de Podemos Galicia. Le aquí toda a información
Julia Otero gaña o XIV Premio José Couso á liberdade de prensa, que conceden o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol en lembranza do cámara galego asasinado por militares estadounidenses en Iraq hai 15 anos.
O secretario de Estado de Orzamentos certifica que os prazos do AVE a Galicia non dependen da aprobación das contas do Estado para 2018. Álvaro Nadal reiterou nunha entrevista na Radio Galega o que xa evidenciara Adif e que contradí o argumentario da Xunta e do PP galego.
Manuel Bragado expresa a súa "máis fonda gratitude" tras anunciar a súa marcha da dirección da editorial Xerais. "Sei que está asegurada a continuidade anovada do proxecto editorial de Xerais como piar e líder da edición en lingua galega", resalta.
A Fiscalía española xúntase con representantes da Fiscalía de Alemaña para tentar achegarlle novos argumentos xurídicos contra Puigdemont. Cóntao La Vanguardia
Ana Pastor recibe a plataforma de vítimas de Angrois dous anos despois de darlles “plantón” e asegúralles que como ministra deu orde de que se investigase o sinistro correctamente, segundo relata o presidente dos afectados. Porén, a xustiza e a UE ratificaron que a investigación de Fomento, que fixo responsable o maquinista, non foi independente.
Manuel Bragado deixa de ser director xeral de Edicións Xerais “a petición propia”, segundo vén de informar a editorial, que engade que “continuará colaborando coas empresas do Grupo Anaya en Galicia como asesor editorial polo que seguirá vencellado á nova etapa que se abre a partir de agora”. Bragado estaba á fronte de Xerais desde hai 24 anos.
O xuíz rexeita imputar por terrorismo á activista detida dos CDR cataláns e déixaa en liberdade coa acusación de desorde pública.