María José Bravo Bosch, delegada da Xunta en Vigo, será cesada este xoves, informa Faro de Vigo. Será substituída polo actual presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, un cargo que será ocupado por Enrique López Veiga. Bravo Bosch declarará o mes que vén como imputada na Operación Patos. O delegado en Ourense, Rogelio Martínez, imputado noutro caso por presuntas irregularidades na xestión de fondos europeos, tamén será cesado.
Fálase
Dimite a executiva local do PSdeG-PSOE na Illa de Arousa por considerarse "ninguneada" pola dirección do partido. Critican a ausencia de representantes do Salnés nas listas para as eleccións xerais.
O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, denuncia que Galicia resulta “prexudicada polo trato desigual” nos límites de déficit impostos polas autonomías do PP. Reclamou a reforma do sistema de financiamento para recoñecer o esforzo realizado pola cidadanía e para incorporar as especiais condicións de idade e dispersión poboacional de Galicia.
Ás 12 horas comezará a votación da moción de censura na que se espera que PSdeG-PSOE e BNG recuperen o Goberno da Deputación de Lugo. Toda a información, esta mañá en Praza.
Mobilizacións rexeitan a violencia machista nas principais cidades do país como resposta aos últimos asasinatos
A nova coordinadora de Iniciativa pola Unión reitera que ve posible "facer unha única candidatura galega de unidade popular". Afirmárono os seus membros na súa presentación en Compostela.
A Caravana Feminista da Marcha Mundial das Mulleres chegou xa a Compostela. As participantes acudirán á mobilización contra a violencia machista convocada para este serán.
O alcalde de Becerreá ratifica que desta volta si permitirá a investidura de Darío Campos (PSdeG) como novo presidente da Deputación de Lugo. Manuel Martínez sinala, en declaracións a EFE que recolle El Progreso, que manterá o seu apoio á moción de censura, que se vota este xoves.
Lidia Senra protesta xunto a outros eurodeputados pola presenza do rei Filipe na Eurocámara. A deputada de AGEe abandonará o Parlamento logo de que a formación emitise con EHBildu, ERC e NECat un pronunciamento conxunto no que se "rexeita" o discurso dun "xefe de Estado que non foi democraticamente elexido". Foto de @iunida
O xuíz que instrúe o caso do accidente de Angrois disponse a pechar a instrución co maquinista como único imputado, segundo adianta La Voz. Máis información, hoxe en Praza.