Un incendio xa controlado en Negueira de Muñiz queimou 30 hectáreas durante a fin de semana. No concello ourensán de Padrenda, outros dous focos xa extinguidos afectaron máis de 20 hectáreas de monte raso. Foto: AxentesGZ
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/uploads/ifnegueira-901f605.jpeg)
Un incendio xa controlado en Negueira de Muñiz queimou 30 hectáreas durante a fin de semana. No concello ourensán de Padrenda, outros dous focos xa extinguidos afectaron máis de 20 hectáreas de monte raso. Foto: AxentesGZ
Nas fins de semana de agosto, Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns estamos de volta :)
Vigo e A Coruña pasan ao nivel medio de restricións pola COVID co resto das cidades galegas. A Xunta vén de modificar o mapa de restricións que estará vixente desde este sábado nun DOG que recolle a decisión do Sergas polas "evolucións favorables e melloras importantes" en ambas urbes.
O TSXG rexeitou a esixencia de certificado COVID na hostalería porque "non impide o contaxio" e porque "a súa aplicación en Galicia non demostrou ser eficaz". O tribunal vén de publicar o auto no que rexeita a esixencia deste documento en bares, restaurantes e ocio nocturno. Toda a información, esta tarde en Praza.gal.
Doce construtoras, entre elas a galega Copasa, multadas con 61 millóns de euros por formar un cártel para alterar as licitacións de Fomento para a conservación e explotación de estradas. A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia sanciona as empresas, que conseguiron71 das 101 licitacións do Ministerio entre 2014 e 2018.
O PP rexistra unha moción de censura en Malpica contra o actual alcalde, Walter Pardo (PSdeG-PSOE). Os populares teñen o apoio dun edil non adscrito, cabeza de lista de Ciudadanos nas eleccións de 2019 e que foi expulsado desta formación, e que lles podería dar a maioría e facer alcalde a Eduardo Parga. O PP conta con 6 dos 13 edís, por 4 do PSdeG e 2 do BNG.
O administrador xudicial de Alu Ibérica reclamará a Alcoa que afronte os impagos do persoal das plantas da Coruña e Avilés.
As capturas de polbo en Galicia nos primeiros 40 días despois de levantarse a veda multiplican por máis de sete as obtidas no mesmo período do ano pasado. A Consellaría do Mar afirma que os datos "apuntan á recuperación da especie"
A produtora Beli Martínez recibirá o primeiro premio Chano Piñeiro do Festival de Cine de Ourense (OUFF). O galardón, que se concederá por primeira vez este ano, recoñece o esforzo dos e das emprendedoras do audiovisual galego. Martínez é responsable -a través de Filmika Galaika- de longametraxes coma Longa Noite ou Arraianos, e de curtametraxes como Sycorax, seleccionada para a última edición de Cannes.
Permanece activo un incendio forestal no concello de Vilar de Barrio. Polo momento queimou 20 hectáreas de terreo, pero obrigou a cortar a vía férrea Zamora-Ourense á altura do quilómetro 195. O sábado foi extinguido o incendio [foto: @BrifLaza] que afectou ao concello de Rubiá, tamén en Ourense, que arrasou 205 hectáreas.