A política lingüística do PP deixou o valenciano baixo mínimos. O novo Goberno estuda un novo modelo logo do retroceso da lingua catalá no País Valencià. Cóntao El País.
Fálase
O Bloc Nacionalista Valencià aproba en referendo ir en coalición con Podemos, EU e outras forzas. O espazo de confluencia prevé obter un grupo parlamentario propio no Congreso dos Deputados. EUiA vota hoxe se conflúe con En Comú Podem en Catalunya.
Marea e PSOE acordan os novos impostos e baixan a auga aos consumos máis baixos na Coruña. Crean catro descontos para familias numerosas no IBI dependendo dos ingresos.
O xuíz de Violencia de Vigo pide reforzos ante o aumento dos casos de malos tratos. En xullo solicitou un maxistrado de apoio pero non tivo resposta do TSXG.
A iniciativa Más Democracia publica o ranking de calidade democrática dos partidos, no que só aproban o BNG (5,7) e Podemos (5,5). O estudo, que mide variables como a democracia interna ou a selección de candidaturas, pódese descargar integramente nesta ligazón.
Baltar auséntase do pleno extraordinario que ía debater a súa reprobación e cualifica de "miserables" aos membros da oposición. O presidente da Deputación confirma as sospeitas do voceiro socialista, que agardaba algunha "artimaña" do PP ante a petición da dimisión.
Ata o 5 de novembro pódese ver en youtube o documental CodeGirl, sobre un grupo de rapazas estudantes de secundaria que participa nun concurso de programación para mellorar a comunidade na que viven mediante o uso da tecnoloxía. O filme reivindica o papel das mulleres nas novas tecnoloxías e na programación.
O paro rexistrado aumentou en Galicia en 6.355 persoas en outubro, unha suba do 2,95% mensual. Interanualmente, as persoas inscritas nas oficinas de emprego descenderon un 9%, son 21.952 menos. O número de persoas inscritas no Servizo Público de Emprego en Galicia queda en 222.092. A afiliación á Seguridade Social descendeu un 0,65% intermensual e aumentou un 1,98% interanual. Máis información, hoxe en Praza.
O Parlament balear tomba hoxe os cambios do PP na Lei de Normalización Lingüística e recupera a versión aprobada por consenso que recoñece o catalán como a lingua propia das Illas.
Albert Rivera xustifica non apoiar a retirada de honras a Franco porque na Transición, di, "acordamos que no habían ni vencedores ni vencidos, que lo que habían era españoles". Segundo o líder de Ciudadanos, esta retirada, contemplada na lei da Memoria Histórica, supón non "aceptar lo que en la Transición hicimos". Recolleuno o programa El Intermedio, no minuto 34:48 deste vídeo.