Atacan unha mostra sobre o movemento obreiro na Coruña. A exposición ao aire libre A forza necesaria, deseñada por Pepe Barro, aparece con pintadas. O goberno local amosa a súa condena. [Foto @BarroDesign]
Fálase
A participación nas primarias do PSOE chega ao 51% ás dúas da tarde, fronte ao 32% de 2014.
A comisión que avalía os cartos públicos destinados á educación concertada non se reúne desde que goberna Rajoy. Eldiario.es explica como funcionan os módulos nos que se basean as axudas. En Galicia, a Xunta destina este ano 266 millóns de euros a concertos.
Os atropelos deixan oito ciclistas mortos e case 500 feridos en cinco anos en Galicia. Faro de Vigo fai balance da sinistralidade dos vehículos de dúas rodas.
Milleiros de persoas concéntranse na Porta do Sol de Madrid en apoio da moción de censura de Unidos Podemos contra Mariano Rajoy. Está a contalo eldiario.es.
Berizzo deixa de ser adestrador do Celta despois de tres temporadas. Pedía unha mellora salarial e un equipo máis ambicioso.
Antonio Roma, o fiscal que vén de deixar o caso Angrois, atribúe as críticas que recibiu das vítimas ao “marco político”. Nunha entrevista con El Progreso tamén di que el non foi o único que traballou no caso senón que “reflexionou” sobre el coa “xefatura” e “os compañeiros”.
O Breogán perde ante o Burgos (80-93) o primeiro dos cinco partidos da semifinal. O segundo partido xógase o domingo ás 18.00 horas no Pazo.
Dous alcaldes de Ourense serán xulgados por prevaricación a próxima semana. O popular Ventura Sierra, de Vilariño de Conso, por irregularidades na contratación de 29 persoas. O independente Francisco José Fernández, de Trives, por impedir un debate plenario.
O pleno de Pontevedra debaterá o vindeiro luns a proposta do PP para "promocionar a aparición da Virxe" como "centro de actividade turística". Segundo os conservadores, as "aparicións marianas" poden servir para "potenciar o municipio". Na imaxe, un fragmento da moción difundido polo BNG.