A meirega que triunfa no Instagram con imaxes de maquinaria e traballo agroforestal. Vinte preséntanos a Laura Vallejo: “Hai quen aforra para comprar un bolso, eu aforro para unha boa motoserra”, explica.
Fálase
Pedro Sánchez e Pablo Iglesias fan ver vontade de acordo entre PSOE e Unidas Podemos ás portas da campaña das eleccións municipais, que tamén son autonómicas nunha ducia de comunidades. Tras o encontro na Moncloa ambas formacións dan por feito que as negociacións para a investidura e o novo Goberno de España non serán abordadas ata despois do 26M
Detido por un presunto caso de violencia machista o profesor da USC Luciano Méndez, que defendera publicamente a La Manada. É unha información adiantada pola axencia Europa Press que recolle eldiario.es
26M | Os alcaldes de Santiago e Teo avanzan que defenderán en campaña a aprobación no vindeiro mandato dun protocolo de fusión de ambos concellos que despois sería sometido á votación da veciñanza. Martiño Noriega e Rafael Sisto manteñen este serán na sede de Compostela Aberta un encontro público sobre este proxecto. Noriega vén apostando por estender o debate da fusión no vindeiro mandato tamén cara a Ames.
Reino Unido ratifica que celebrará as eleccións europeas porque "non queda tempo" para aplicar antes o Brexit. O electorado británico estará chamado ás urnas o 23 de maio.
O pleno da Coruña aproba o modificativo de crédito co que o goberno local sufragará a indemnización que pon fin ao litixio do edificio Conde de Fenosa. O modificativo ascende a un total de 14 millóns que inclúen tamén gastos de persoal e convenios con varias entidades da cidade. Recibiu os votos a prol de Marea Atlántica e PSdeG, mentres que o BNG se abstivo e o PP votou en contra.
Incautados 34 quilos de percebe e 15 de ourizo en operacións contra o furtivismo na Coruña. Segundo informa a Unidade da Policía adscrita á Xunta, estas incautacións desenvolvéronse en tres intervencións os pasados venres, sábado e domingo. Os ourizos foron "devoltos ao mar" e os percebes, "entregados nun centro benéfico" da cidade. (Imaxe: UPA)
A xustiza confirma que Puigdemont pode ser candidato ás eleccións europeas. Así o veñen de resolver dous xulgados do contencioso de Madrid, que deste xeito seguen o criterio marcado polo Supremo para o ex-presidente catalán e os ex-conselleiros Comín e Ponsatí fronte ao veto que interpuxera a Xunta Electoral en resposta aos recursos de PP e Ciudadanos.
As inscricións nas oficinas de emprego reducíronse en 4.615 persoas durante o mes de abril en Galicia ata as 166.226. Son 16.065 menos que hai un ano. No mesmo mes o número de persoas a cotizar na Seguridade Social elevouse no país en 6.186; son 21.175 máis que no mesmo mes de 2018 e a cifra total queda en 1.010.592. Máis información, hoxe en Praza.gal.
Milleiros de persoas participaron este domingo en Santiago no día grande da Festa do Banquete, que por segundo ano consecutivo conmemorou o histórico Banquete de Conxo con actos culturais e un xantar de confraternidade.