Vén de inaugurarse unha nova edición da Praza dos Libros, en Carballo. Ses foi a encargada de dar o pregón, contando que son os libros para ela
Fálase
Este xoves 5 de xullo entrou en vigor a rebaixa do IVE cultural do 21% ao 10%. Os cines NUMAX de Compostela anuncian a inmediata rebaixa no prezo das súas entradas e abonos, unha redución de entre 40 e 60 céntimos no caso das entradas de cine e entre os 2 e os 10 euros. para os abonos.
O Parlamento Europeo rexeita aprobar a reforma da normativa de dereitos de autor que segundo numerosas entidades sociais podía supoñer un obstáculo á utilización da rede pola cidadanía e que este mércores motivou o peche da Wikipedia. O debate da norma continuará ata o mes de setembro.
Un grupo de traballadores e traballadoras do sector de ambulancias vén de pecharse na consellaría de Sanidade en demanda dunha solución ao conflito –hoxe están en folga- e da implicación da Xunta "como responsable última do servizo"
A Valedora do Pobo advirte antes da súa comparecencia deste xoves de que "non vai dimitir". Afírmao nunha entrevista en La Voz de Galicia, na que cualifica de "innecesariamente dura" a sentenza que anulou o nomeamento da súa xefa de servizo de Administración, irmá do voceiro do PP, e dá por constatado que interferiu para outorgarllo con "arbitrariedade".
O PP e os independentes que o apoian aproban a “lexitimidade” de Telmo Martín como alcalde de Sanxenxo no pleno extraordinario pedido pola oposición tras a condena da súa construtora por cobrar sobreprezos en vivendas protexidas. Está a contalo Pontevedra Viva.
Anni B Sweet, La Habitación Roja ou TBA actuarán gratis na Coruña os próximos domingos en horario diurno, na sala Moom 57, no marco do festival Arty! aberto o pasado domingo por Los Planetas.
O Congreso aproba os seis primeiros membros do novo Consello de RTVE co apoio do PSOE, Unidos Podemos, PNV, PDeCAT, Compromís e ERC -este último, agás Gabriel Rufián-. Entre os elixidos está o galego Víctor Sampedro, catedrático de Opinión Pública e Comunicación Política na Universidade Rey Juan Carlos.
O Parlamento Europeo aproba a reforma electoral que pon en risco a representación de forzas políticas non estatais a partir de 2024 ao elevar o limiar para obter representación do actual 2% ata o 5%. O ditame saíu adiante con 397 votos a prol, 207 en contra e 62 abstencións e a norma agora ten que ser ratificada polos Estados membros da UE. A galega Ana Miranda subliña que a reforma "vai en contra do respecto á pluralidade nacional, o respecto ás nacións sen Estado e o respecto á pluralidade política".
Dimite o presidente da Asociación de Empresarios de Arzúa, Alfonso Gómez Corzo, por "considerar que é o mellor para a entidade". A dimisión do presidente da patronal arzuá, que recolle Radio Arzúa, chega pouco despois de que a entidade ameazase, con cartas asinadas polo propio Gómez Corzo, con accións legais a veciñanza crítica coa mina de Touro-O Pino. Na imaxe, Gómez Corzo (dereita), cun responsable de Cobre San Rafael.