O alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso (PSdeG-PSOE), inhabilitado catro anos por prevaricación, acusado de contratar de forma ilegal un compañeiro de partido para traballar no Concello. O rexedor di que recorrerá o ditame e asegura que "non cometín delito ningún, igual hai unha pequena irregularidade"
Fálase
O pleno do Concello de Santiago votará este mes a municipalización da ORA e do guindastre. A decisión está "amparada pola asesoría xurídica", di o alcalde, Martiño Noriega, mentres que a oposición recea do procedemento ao considerar que existe inseguridade xurídica. O goberno compostelán ve necesario acelerar o proceso antes da entrada en vigor das restricións ás municipalizacións incluídas nos Orzamentos do Estado.
Ditan a apertura de xuízo ao ex-alcalde do Porriño Nelson Santos (PP) por un delito continuado de prevaricación en adxudicacións do Concello. A Fiscalía pide que Santos e un ex-edil sexan condenados a 10 anos de inhabilitación. Esta é a peza principal da que derivou a 'operación Multiusos', arquivada o pasado marzo.
Santiago TV cesa este luns as súas emisións. A canle local naceu en 2010 como herdeira de Localia Santiago (Prisa) e chegou a ter un plantel dunha vintena de persoas. Tras case media década como parte do grupo ourensán La Región pasou estar controlada por Intereconomía, que vén acumulando numerosos problemas económicos. O mapa da TDT local galega completouse coa asignación de 20 licenzas en 2014, se ben a meirande parte das concesións non están operativas.
O PSOE proclama este luns oficialmente as candidaturas ás primarias tras o reconto definitivo dos avais, un proceso no que en Galicia Pedro Sánchez se impuxo a Susana Díaz e Patxi López.
Euskadi non aplicará o plan estatal que prevé o retorno das axudas para comprar vivendas e seguirá a potenciar o alugueiro. Cóntao eldiario.es
Os tres equipos galegos que xogan polo ascenso á ACB perden os segundos partidos da serie. Breogán, Ourense e Básquet Coruña afrontarán os seguintes encontros dos cuartos de final coas súas eliminatorias empatadas a unha vitoria.
Macron gaña a Le Pen e será o próximo presidente de Francia. Consegue máis do 65% dos votos fronte ao 35% de Marine Le Pen.
Xulio Ferreiro cre que "algo se está a facer mal en En Marea". O alcalde da Coruña considera "un erro" abandonar "o espírito de confluencia" para "apostar por unha liña máis tradicional" que "homologa" a formación cos "partidos clásicos", durante unha entrevista en Radio Galicia.
A manifestación contra a privatización da fachada marítima da Coruña percorre xa as rúas da cidade. Máis de 4.000 persoas claman contra a especulación e as intencións da Autoridade Portuaria. Toda a información, hoxe en Praza.