O PP mantén que a seguridade de que Navantia e Barreras constrúan buques para Pemex é "máxima". Mentres, a multinacional mexicana confirma que os estaleiros galegos terán que competir con, cando menos, dúas empresas máis.
Fálase
Feijóo ponse do lado de Ana Botella na competencia que mantén con Esperanza Aguirre. Preguntado sobre se Aguirre pode ser candidata á alcaldía de Madrid, Feijoo responde que Botella o está a facer "moi ben".
"Tratáronme peor que a un criminal", denuncia Mangouras respecto do trato sufrido tras a súa detención.
Mangouras denuncia que o rumbo marcado polo Goberno ao Prestige levábao "a unha tumba flotante e a afogarnos". "Crin que nos levaban a un porto refuxio, pero iamos cara a fóra en pleno temporal", asegura respecto da xestión da catástrofe durante o 15 de novembro de 2002.
"Se as autoridades españolas dixeran que era gratis o remolque do Ría de Vigo claro que o tería aceptado", aclara Mangouras, respecto das primeiras chamadas de socorro do Prestige hai hoxe dez anos.
O único vogal de Novacaixagalicia que votou contra as prexubilacións millonarias, José Luis Regueiro, di que se ocultou a súa contía na xuntanza do Consello de Administración de nadal de 2010 que as aprobou. O representante de CC.OO. compareceu esta mañá na Audiencia Nacional e afirmou que despois da fusión das caixas galegas todo o mundo estaba "satisfeito" porque conservara os seus postos, e esta podería ser "a razón" pola que ningún conselleiro máis se opuxo á aprobación das medidas.
Mangouras emociónase e rompe a chorar no xuízo ao lembrar as primeiras chamadas de socorro do Prestige e a situación de risco da tripulación. A vista suspéndese durante dez minutos.
Complícase o acordo entre Goberno e PSOE sobre desafiuzamentos. Os aspectos que máis separan as dúas partes son os relativos ao número de familias que entrarían no grupo de beneficiarios da paralización. E tampouco se puxeron de acordo sobre que ocorre cando pasen eses dous anos de moratoria.
El Diario decide, despois de consultar cos seus lectores, que este mércores informará exclusivamente da folga xeral "porque cremos que a mellor maneira de apoiar unha folga xeral é informando sobre ela"
Colectivos ecoloxistas portugueses din que o país veciño está igual de desprotexido que hai dez anos no caso de acontecer un accidente semellante ao do Prestige. No Diário de Notícias.