Representantes de sete concellos afectados polo deterioro do servizo do FEVE, de Ferrol a Viveiro desprazáronse este venres pola mañá ata a Consellería de Infraestruturas coa intención de reunirse coa conselleira Ethel Vázquez, despois de que nas últimas semanas esta rexeitara responder ás súas solicitudes para manter un encontro. Os rexedores foron recibidos polo xefe de gabinete da Consellería, ao que transmitiron o seu "fondo malestar".
Fálase
'A fala', de Manuel María, rapeada por Marcelo e Dalvin. A Casa Museo do autor chairego difunde o rap de dous rapaces versionando o coñecido poema do escritor.
O Seprona investiga un cazador por matar e decapitar un lobo en Val do Dubra. O animal foi cazado de xeito ilegal, durante unha batida autorizada de raposo que tivo lugar o pasado 5 de febreiro. Abriuse ademais unha denuncia administrativa contra un segundo cazador que tamén disparou sobre o lobo.
ETA declárase unha "organización desarmada" e aclara que os arsenais atópanse "en mans da sociedade civil". A banda terrorista enviou un comunicado á BBC.
EUA bombardea unha base aérea en Siria en resposta ao ataque químico. É a primeira intervención directa de Washington contra o réxime de Al Asad.
Desaloxado o Alvia Madrid-Ferrol á altura de Sanabria por un incendio no vagón xerador diésel que impulsa o tren nos treitos aínda sen electrificar. Non se rexistraron danos persoais. (Imaxe: Praza.gal)
El Corte Inglés acorda coa Catedral de Santiago selar as credenciais dos peregrinos nos seus centros comerciais. Segundo un comunicado difundido pola empresa, a finalidade deste acordo co Cabido compostelán é "divulgar os valores das tradicións xacobeas", pero tamén poñer "a rede comercial a disposición dos peregrinos".
Renfe asegura que a perda da marca AVE na UE non ten "efectos prácticos" porque non atinxe ao transporte de viaxeiros. A información publicada polo xornal Expansión, matiza a empresa pública, refírese a unha sentenza referida a aparellos de locomoción terrestre.
Hackean o servidor do grupo ultra Hazte Oír e difunden en internet milleiros de documentos da organización, con información financeira, organizativa e política da entidade. Este colectivo protagonizou recentemente campañas homófobas e transfóbicas como a do panfleto remitido aos colexios, que a Xunta instou a "retirar".
Xa está dispoñible no visor de mapas do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta a Carta Xeométrica de Galicia elaborada por Domingo Fontán a comezos do século XIX, o primeiro mapa galego realizado con medicións matemáticas.