Fálase
Dous bombardeiros rusos Tu-160 de fabricación soviética chegaron fronte á Mariña lucense o pasado 22 de setembro, segundo desvela o goberno francés, que mesmo os fotografou. Foron detectados e escoltados polas forzas aéreas de todos os países da OTAN aos que se achegaron, entre eles dous F-18 españois.
A ex-deputada ourensá Laura Seara, designada coordinadora de organización da xestora do PSOE. O órgano interino dos socialistas constituíuse o pasado sábado sen representación do PSdeG, na actualidade dirixido tamén por unha xestora cuxa presidenta, Pilar Cancela, se encadra no sector do partido afín a Pedro Sánchez.
Alfonso Penela é o gañador do concurso convocado por Xunta e COAG para reformar o vello hospital xeral de Vigo e albergar nel, cun investimento de 25 millóns de euros, todos os xulgados da cidade (54). O arquitecto vigués proponse recuperar a imaxe orixinal en cor branca do que en 1955 foi inaugurado como o segundo edificio máis alto do Estado, con 75 metros. O antigo xeral dispón de 10.000 metros cadrados máis que as actuais instalacións xudiciais de Coia.
Falece o poeta Francisco Cortegoso aos 31 anos de idade por mor da enfermidade que padecía. O autor viña de rematar o seu poemario Suicidas, que chegaba hoxe mesmo ás librarías, como vén de lembrar Chan da Pólvora Editora. A editorial está a homenaxear a Cortegoso na súa libraría de Santiago.
O Concello de Santiago comeza a aplicar a nova Renda de Garantía Básica Cidadá coa recolleita de solicitudes. A edil compostelá de Políticas Sociais debullou este mércores a medida, incluída nunha ordenanza que tamén contempla as Prestacións de Rescate Social.
A Mesa censura que a empresa Ferroatlántica non permita formular queixas en galego pero si en español, inglés, francés e chinés.
Unha concentración en Vigo solidarizouse hoxe con Diego, activista para quen a acusación pide 3 anos e medio de cadea tras unha mobilización contra o barco da rotonda de Coia. A Fiscalía desmente a versión policial e solicita a súa libre absolución.
O Constitucional tomba a prohibición das touradas en Catalunya, segundo avanza La Vanguardia. No entanto, o TC afirma que aínda non tomou unha decisión ao respecto.
Como nomeamos as constelacións en galego? O Portal das Palabras achega esta proposta do filólogo Xoaquín Evaristo Cambados