De Guindos comparece na comisión sobre a crise financeira sen mencionar Lehman Brothers, banco para o que traballou e que estivo no xermolo do estourido das dificultades económicas na pasada década.
Fálase
A Xunta encarga a construción de dúas patrulleiras para Gardacostas de Galicia por 1,8 millóns de euros. As súas dimensión, entre 15 e 17 metros de eslora e 5 de manga, serán similares a dúas das embarcacións de que xa dispón, Punta Roncadoira e Punta Festiñanzo. Gardacostas conta cunha vintena de lanchas menores e con catro barcos maiores cuxa xestión a través da empresa Remolcanosa vén prorrogando desde hai unha década por 6 millóns ao ano.
Roger Torrent (ERC) perfílase como novo presidente do Parlament de Catalunya. É o elixido por Esquerra para o posto, que se elixe este xoves no marco da constitución do novo lexislativo catalán e do seu órgano reitor, no que as formacións soberanistas teñen maioría.
O Parlamento Europeo vota finalmente contra a pesca con descargas eléctricas tras saír adiante as emendas contrarias a esta controvertida práctica á que abría a porta a proposta da Comisión.
O público de Fervenzas Literarias elixe Sermos Galiza como mellor medio de comunicación de 2017. Praza Pública foi desta volta o segundo medio máis valorado na votación organizada cada ano por esta revista literaria.
A Asociación Animalista Libera denuncia a celebración do Campionato Galego de Caza de Raposo, este sábado en Dozón. A entidade critica "unha das prácticas cinexéticas de maior crueldade", que "baixo o halo dun pseudodeporte" equipara "actividades saudables coa matanza sistemática de animais silvestres".
Todo o litoral galego está este martes en alerta laranxa ou amarela. Segundo avanza Meteogalicia, as condicións empeorarán durante a xornada do mércores.
Falece aos 46 anos Dolores O’Riordan, a cantante do grupo irlandés The Cranberries. A banda acadou un gran éxito internacional nos anos 90 con temas como Zombie.
Guardesiño, unha foca de tres meses atopada este domingo por un mariñeiro no porto da Guarda, recupérase xa nas instalacións da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).
A testemuña protexida identifica cinco persoas como presuntos autores da morte de Jimmy, o siareiro do Deportivo asasinado en Madrid en 2014. Así o sinalaron fontes citadas pola axencia EFE que recollen medios como El Mundo Deportivo. O caso chegara a ser arquivado en marzo de 2017.