O Goberno central estuda usar o 155 para ir contra o modelo de inmersión lingüística catalán e impulsar o castelán a través da opción do idioma para os pais no sobre de matrícula para os pais.
Fálase
Xunta e Ministerio do Interior acordan agora que a Garda Civil forme parte do centro de atención de emerxencias do 112 autonómico, no que aínda non están integrados bombeiros, Policía Nacional, Policía Autonómica nin Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES). Hai ano e medio, no incendio da conserveira Fandicosta, os axentes queixábanse do “caos” e da falta de coordinación. Na vaga de incendios de outubro os brigadistas volveron criticar o colapso do 112, ao que o propio Feijóo recomendara dirixir todas as chamadas.
O cura de Xermade avoga por "expulsar" a Feijóo e Rajoy da Igrexa por "usureiros" e por seren "responsables da cantidade de sufrimento que padece a xente, como o bote das pensións, que está baleiro", di Luis Rodríguez Patiño. Radio Lugo recolle as súas declaracións.
Feijóo critica que Ciudadanos “está máis preocupado por buscar réditos electorais que polos intereses do noso país”. O presidente galego lamenta que os de Rivera rexeiten aprobar os orzamentos do Estado se o Goberno central conta tamén co apoio do PNV. Nas autonómicas de 2016 Feijóo apelara aos seus votantes "por todo o que compartimos".
Funcionarios de Xustiza maniféstanse nas sete cidades galegas na sétima xornada da folga indefinida, na que reclaman que se poña fin á "discriminación" que din sufrir a nivel económico e de dereitos laborais. O seguimento do paro supera o 80%. Consulta aquí toda a información da xornada de protestas.
Adif rectifica e inclúe o galego como “imprescindible” para a atención ao público na estación de A Rúa-Petín, na que só esixía castelán e inglés ou francés. A empresa pública vén de corrixir as condicións da privatización da venda de billetes nesa estación e na do Barco, que hai un ano ameazara con pechar.
Desborda unha das balsas da mina de Touro e verte ao río Brandelos, segundo denuncia a asociación Aldea Viva. Cóntao Lindeiros.gal.
O arcebispado de Santiago convoca un "acto de desagravio" co apóstolo e a virxe do Pilar polo pregón do Entroido, que considera "deplorable". Nun comunicado, a Igrexa lamenta a intervención do actor Carlos Santiago e di que "non é de recibo desprezar" as dúas figuras relixiosas.
17 mortos e medio cento de feridos nun tiroteo nun instituto de Florida, nos EUA. É o terceiro incidente con vítimas mortais en centros educativos estadounidenses neste 2018.
VÍDEO | O líder do PP en Santiago apaña lixo nas beiras do Sar e guíndao á auga para denunciar a contaminación do río e esixir a concreción do proxecto da nova depuradora para paliar a "lamentable" situación. Nós TV recolle o acto protagonizado polo antigo alcalde da cidade e ex-conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández. Na pasada década o daquela voceiro conservador no consistorio, Gerardo Conde Roa, bañárase no Sarela para denunciar, igualmente, a súa contaminación.