O Fabril, filial do Deportivo, ascende a 2ª B logo de vencer o Cacereño 2-0 en Riazor. O filial do Celta caeu este sábado na fase de ascenso a 2ª División ante o Mestalla.
Fálase
A Audiencia Nacional investiga os ingresos de Gallardón polo caso do Canal de Isabel II. Solicita a información tributaria "completa" do ex-ministro e as súas "operacións con terceiros derivadas de actividades profesionais".
O Atlético Guardés fai historia e gaña a Liga de balonmán feminino. A vitoria ante o Granollers dálle o título ao conxunto da Guarda.
O Cangas vence o Bidasoa (31-27) e consegue a permanencia na Liga Asobal. A vitoria do Ademar León ante o Villa Aranda permítelle ao equipo do Morrazo seguir un ano máis na elite. Na vindeira tempada, haberá derbi entre os cangueses e o Teucro de Pontevedra.
A columna galega das Marchas da Dignidade camiña xa polas rúas de Madrid, que acollerá unha nova manifestación reclamando "pan, traballo e teito".
Comeza en Compostela o congreso da CIG, onde Paulo Carril substituirá a Suso Seixo na secretaría xeral. O cónclave celebrarase durante este sábado e mañá domingo.
O TSXG tomba a repartición do principal fondo de financiamento ás universidades. O tribunal avala a reclamación da Coruña, que pide ata 7,5 millóns do plan 2011-2015. Cóntao Faro de Vigo.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense empregará unha apisonadora para crear un gravado de grandes dimensións como homenaxe a Carlos Casares. A iniciativa, coordinada polo artistas Fonso Castro, Isabel Somoza, Xabier de Sousa e Xosé Poldras, evocará pasaxes de Ilustrísima, Os mortos daquel verán, Vento ferido e O sol daquel verán. Será este sábado ás 18 horas nos exteriores da entidade.
Un incendio forestal arrasa na Fonsagrada unhas 60 hectáreas de monte na parroquia de San Pedro de Río. Ata finais de abril xa arderan en Galicia unhas 3.000 hectáreas.
As treboadas deixaron en Galicia máis de 2.000 raios durante a xornada do xoves, segundo rexistrou Meteogalicia. Os chubascos treboentos continúan este venres, sobre todo pola mañá.