Compostela Aberta pasaría de 10 a 11 concelleiros de celebrarse agora novas eleccións municipais. Así o reflicte unha enquisa publicada este domingo por La Voz de Galicia, na que se indica que o PP manteríase con 9 edís, o PSdeG pasaría de 4 a 3 e o BNG repetiría con 2.
Fálase
O PSdeG celebra este domingo primarias para dirixir o partido a nivel provincial na Coruña e Ourense. Nas primeiras enfróntanse o presidente da Deputación, Valentín Formoso, coa ex-concelleira santiaguesa Mercedes Rosón. Nas segundas compiten o ex-secretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez, a deputada autonómica Noela Blanco e o alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino. En Pontevedra e Lugo xa se celebraron con David Regades e Álvaro Santos como vencedores.
Portugal, elixido mellor destino turístico do mundo. Varias cidades ou atractivos turísticos xa foran distinguidos en anos anteriores pero desta volta o país enteiro gaña o máximo galardón dos World Travel Awards (WTA).
ENTREVISTA | Carles Puigdemont: “O meu regreso debe formar parte da receita da solución”. eldiario.es entrevista en Bruxelas o president cesado.
Fomento presenta un plan para impulsar o transporte de mercadorías por ferrocarril en plena polémica pola marxinación de Galicia das principais redes europeas. Na nota de prensa, único documento desvelado, nada di da lonxitude posible dos trens, principal desvantaxe da rede galega a respecto do resto de España.
Feijóo é investido doutor honoris causa na Universidade de Trás-os-Montes. No seu discurso gabou a “relevancia” da Lei Paz Andrade, nacida da iniciativa popular para potenciar o coñecemento do portugués pero cuxa implantación por parte da Xunta avanza moi lentamente. Tamén mencionou a inclusión de Santiago na rede de cidades lusófonas, unha iniciativa que partiu do ámbito municipal.
O sindicato de enfermaría SATSE culpa dos colapsos nas Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro á falta de medios e persoal e pide un plan "realista". Advirte de que se reabriron unidades "sen estar completamente dotadas"
Enerxía endurece a poxa das primas eléctricas, que comezará o vindeiro luns, levando de novo a preocupación á planta de Alcoa
Veciñanza de Torneiros (O Porriño) denuncia que aínda hai lindano á vista diante das súas casas. O Concello anunciou a contratación dunha empresa autorizada para o tratamento da terra contaminada. Partidos políticos e Plataforma Antilindano constituirán unha comisión de seguimento do problema
Esta noite publicáronse sete sondaxes de intención de voto para as eleccións catalás do vindeiro 21 de decembro. Todas elas amosan unha estreita loita entre ERC e Ciudadanos por ser a primeira forza e un resultado das tres listas independentistas moi próximo aos 68 escanos da maioría absoluta. Podes consultar todos os datos en Electograph