O conservador Sebastián Piñera regresa á presidencia de Chile tras gañar a segunda volta das eleccións presidenciais. O empresario xa dirixiu o país de 2010 a 2014, cando xa substituíra a Michel Bachelet, que agora volve abandonar o poder por mor da limitación de mandatos.
Fálase
A Mariña acolleu este sábado unha nova mobilización, desta volta en forma de caravana de vehículos, contra a supresión da súa área sanitaria aprobada hai dez días polo Goberno galego. Protestas similares veñen sucedéndose nas outras áreas de Galicia tamén suprimidas, como Monforte ou o Salnés.
Feijóo insiste en non considerar prioritario o traspaso da AP-9. Nunha entrevista na Radio Galega di que pola crise catalá este “non é o mellor momento político”. O venres o vicepresidente Rueda admitía na TVG que “o Goberno do PP decidiu que non se podían facer novas transferencias”.
Este domingo cúmprense 20 anos do asasinato a mans do seu marido de Ana Orantes, a muller que puxo rostro á violencia machista en España.
El País anuncia que deixa de imprimir o xornal nas súas propias rotativas. Pasará a facelo a través de Vocento, o grupo propietario de ABC, tras o peche das instalacións anexas á sede central do diario que supuxo un ERE para 69 traballadores, segundo contou prnoticias.com.
El País Semanal relata a vida en Sanxenxo do Rei emérito Juan Carlos I: “'Sanxenxo deulle vida ao Rei', din os seus amigos. 'E el deulle vida a Sanxenxo'". A Xunta vén de nomealo Embaixador do Camiño salientando Feijóo que “pasa bastantes tempadas en Galicia”.
Compostela Aberta pasaría de 10 a 11 concelleiros de celebrarse agora novas eleccións municipais. Así o reflicte unha enquisa publicada este domingo por La Voz de Galicia, na que se indica que o PP manteríase con 9 edís, o PSdeG pasaría de 4 a 3 e o BNG repetiría con 2.
O PSdeG celebra este domingo primarias para dirixir o partido a nivel provincial na Coruña e Ourense. Nas primeiras enfróntanse o presidente da Deputación, Valentín Formoso, coa ex-concelleira santiaguesa Mercedes Rosón. Nas segundas compiten o ex-secretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez, a deputada autonómica Noela Blanco e o alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino. En Pontevedra e Lugo xa se celebraron con David Regades e Álvaro Santos como vencedores.
Portugal, elixido mellor destino turístico do mundo. Varias cidades ou atractivos turísticos xa foran distinguidos en anos anteriores pero desta volta o país enteiro gaña o máximo galardón dos World Travel Awards (WTA).
ENTREVISTA | Carles Puigdemont: “O meu regreso debe formar parte da receita da solución”. eldiario.es entrevista en Bruxelas o president cesado.