ÚLTIMA HORA | Feijóo fixa como nova data para a conclusión do AVE a Madrid o "terceiro trimestre de 2019" tras reunirse co ministro de Fomento. Toda a información, decontado en Praza.
Fálase
Centos de persoas protestan arestora contra a violencia machista nas concentracións que se desenvolven nas sete cidades e mais no Carballiño como resposta ás últimas agresións. Na imaxe, a mobilización da Coruña.
Arsenio Fernández de Mesa recolócase como conselleiro de Red Eléctrica dous meses despois de deixar a dirección da Garda Civil. A empresa participada polo Estado nun 20% vén de comunicarllo á CNMV. De Mesa, delegado do Goberno central en Galicia durante a crise do Prestige, é un dirixente moi próximo a Rajoy e non ten experiencia no sector eléctrico.
Rajoy e Caballero eloxian a Rita Barberá na homenaxe tributada á falecida ex-alcaldesa de Valencia na FEMP. "Foi boa persoa, decente e xenerosa", dixo o presidente do Goberno de España. Segundo Rajoy, a homenaxe tamén é "para todos os concelleiros e para tantos aos que o terrorismo arrebatou a vida".
Belém Tajes, nova cantante de Luar na Lubre. A tamén compositora porá voz á formación na xira do seu trixésimo aniversario, que se desenvolverá pola Península Ibérica e mais en México. Alén da xira, o grupo celebra este fito na súa traxectoria cun disco duplo de 30 temas que recompila pezas de toda a súa historia xunto a "tesouros non habituais".
A dirección provincial do PSdeG rexeita a xestora do PSOE local coruñés por ter maioría de afíns a Mar Barcón. Amosa a súa "disconformidade absoluta" coa selección feita por Ferraz.
Os altos cargos das administracións aumentan un 57% mentres o cadro de persoal cae un 11% desde 2010. O sector público recortou 23.700 empregos en Galicia nos últimos seis anos, mentres as prazas directivas aumentaron en 1.200.
Trump destitúe a fiscal xeral que se negou a defender o veto migratorio a varios países musulmáns. Sally Yates instou avogados e fiscais a non defender as medidas antiimigración por non estar convencida de que fose legal.
VÍDEO | Un xogador do Compostela evita marcar un gol aproveitándose da lesión do porteiro rival, do Alondras. O xesto de fair play Santi Fernández está a ser aplaudido no mundo do fútbol pola súa deportividade. O encontro rematou cun 2-4 a prol do equipo compostelán. (Imaxes da TVG difundidas pola SD Compostela]
A ministra de Cultura da República Árabe Saharaui Democrática, Jadiya Hamdi, visita este martes a Facultade de Educación da UDC. Hamdi está en Galicia con motivo da presentación da película Leyuad. Un viaje al pozo de los versos de Gonzalo Moure, Brahim Chagaf e Inés Aparicio