Noite de cacharelas, noite de San Xoán: Galicia celebra a chegada do verán con lume e sardiñas

Fogueira de San Xoán CC-BY-SA Alberto García

Este luns é festivo en 43 concellos galegos, entre eles A Coruña, pero tamén Ames, Carballo, Arzúa, Boiro, Culleredo, Marín, Muros, Nigrán, Narón, Oleiros, Poio, Burela ou Sarria

Chega a noite de San Xoán, tradicionalmente a noite máis curta do ano -este domingo o sol porase en Vigo ás 22:15 e o luns aparecerá ás 6:59- pero para moitos unha das máis longas, debido á xolda que se estenderá durante horas ao redor de cacharelas e sardiñas na maior parte do país. Especialmente nos 43 concellos nos que este luns 24 é festivo, encabezados pola Coruña, pero tamén Ames, Carballo, Arzúa, Boiro, Culleredo, Marín, Muros, Nigrán, Narón, Oleiros, Poio, Burela ou Sarria. E tamén nas preto de 250 parroquias dedicadas a este santo e que se distribúen por case todo o país

Preto de 250 parroquias galegas están dedicadas a este santo

Será unha noite de lume (nas cacharelas, fogueiras, lumieiras, lumaradas, laradas ou luminarias) e de arrecendo a sardiñas e a viño. E unha mañá de flores e de auga fresca. Son moitas as persoas que manteñen a tradición de recoller plantas para -co orballo da noite máis curta do ano- lavarse con elas ao día seguinte. Fiúncho, Fento macho, Codeso, Abeloura ou Herba de San Xoán, Malva, Romeu e a Herba Luísa son algunhas das especies máis empregadas, pero hai moitas outras, como destacamos o ano pasado nesta peza informativa.

Será unha noite de festa na que, ademais, acompañará o tempo seco e as temperaturas agradables. O luns subirán as máximas

Será unha noite de festa na que, ademais, acompañará o tempo seco e as temperaturas agradables, segundo a predición de Meteogalicia, que prognostica ceos despexados na metade sur e con intervalos de nubes baixas na metade norte, máis compactas no litoral. Os ventos soprarán frouxos de compoñente norte, con intervalos de moderado no litoral a partir do mediodía. As temperaturas subirán este domingo, chegando aos 30 graos en Ourense e nas Rías Baixas, con mínimas que durante a noite se moverán entre os 14 e os 17 graos na meirande parte do país. 

O luns, ademais, manterase a influencia anticiclónica e entrará aire cálido en superficie, o que fará crecer as temperaturas máximas, que en Ourense chegarán aos 34 graos

Haberá preamar pola tarde do domingo (ao redor das 18 horas) e a baixamar chegará pouco despois da medianoite, ata a nova preamar que chegará ás seis e media da mañá do luns

Nas localidades litorais moitas celebracións teñen lugar nas praias. Este ano haberá preamar pola tarde do domingo (ao redor das 18 horas) e a baixamar chegará pouco despois da medianoite, comezando a subir a partir desa hora, ata a nova preamar que chegará ás seis e media da mañá do luns.

Os expertos alertan de que estes horarios favorecen a chegada de residuos ao mar pola ocupación do espazo intermareal pola noite e pola preamar das seis da mañá.

"Unha correcta política de residuos debe estar primeiramente encamiñada a reducir o volume de lixo producido, e despois, a procurar unha axeitada xestión", di ADEGA

Nesta xornada de celebración son varios os colectivos que demandan á poboación civismo e respecto ao medio natural, especialmente cando se organicen lumieiras nas praias, ante o risco de que os festexos danen a contorna. Dende as administracións locais faise fincapé nos últimos anos en promover fórmulas e iniciativas que limiten a cantidade de residuos que queda ciscada sen recoller. "Unha correcta política de residuos debe estar primeiramente encamiñada a reducir o volume de lixo producido, e despois, a procurar unha axeitada xestión" , sinalan dende ADEGA neste mesmo senso.

Algunhas das herbas de San Xoán CC-BY-SA

Entre os consellos que habitualmente realizan organizacións ecoloxistas como ADEGA están o acoutar os espazos das celebracións sobre todo nas proximidades de espazos naturais ou contornas históricas ou monumentais. Tamén evitar facer cacharelas en praias e dunas, especialmente en litorais protexidos ou de alto valor ecolóxico. Igualmente, usar recipientes (vasos, pratos) de barro ou louza, e garrafas de cristal retornables e habilitar suficientes contedores para a recollida selectiva dos refugallos.

Na Coruña o pasado ano os operarios municipais recolleron na mañá do día 24 unhas 57 toneladas de lixo fronte ás 86 toneladas do ano 2022 ou ás 117 toneladas do ano 2018

É habitual que case todos os anos o día de San Xoán comece coa imaxe de grandes cantidades de refugallos deitados nos areais. Nos últimos tempos os concellos están a poñer en marcha medidas para evitalo no posible, dende campañas informativas ata a distribución de máis contedores nos que deixar o lixo. É certo que, en xeral, a cantidade de residuos se vén reducindo. Na Coruña, por exemplo, o pasado ano os operarios municipais recolleron na mañá do día 24 unhas 57 toneladas de lixo fronte ás 86 toneladas do ano 2022 ou ás 117 toneladas do ano 2018. 

Restos do San Xoán na praia do Orzán nunha imaxe correspondente á mañá do día 24 de xuño de hai algúns anos CC-BY-SA Carlos de Paz

"Cando hai tanta xente, desgraciadamente non é suficiente que o 80% dos asistentes cumpran coas normas", sinalou o pasado ano o alcalde de Nigrán ante o incremento dos refugallos en Panxón

Porén, seguen a ser demasiadas e mesmo nalgunhas localidades se deron "pasos atrás", por exemplo en Nigrán, onde a praia de Panxón pasou de amencer sen lixo no San Xoán do ano 2022 a unha situación moito máis negativa o pasado ano, o que espertou as alertas por parte do Concello, sinalando o alcalde que "cando hai tanta xente, desgraciadamente non é suficiente que o 80% dos asistentes cumpran coas normas". 

O Concello de Nigrán calcula que en praia América, entre Panxón e Lourido, se xuntaran máis de 60.000 persoas, tres veces máis que en anos anteriores.

Recollida de lixo nas praias de Nigrán despois da celebración do San Xoán no ano 2023 © Concello de Nigrán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.