Na noite de San Xoán centos de miles de persoas reúnense nas praias de toda Galicia para celebrar esta festa entre fogueiras, sardiñas, bebidas e moita alegría. Porén, a pesar das recomendacións exercidas por concellos e grupos ecoloxistas, non todo o mundo recolle os seus desperdicios e se preocupa de non estragar o areal e é habitual contemplar as praias cheas de lixo nas mañás do día 24.
En praia América, entre Panxón e Lourido, xuntáronse máis de 60.000 persoas, tres veces máis que en anos anteriores. Deixaron máis de 40 toneladas de lixo
Cada 23 de xuño o Nigrán reúne nos seus areais milleiros de persoas chegadas de toda a comarca de Vigo. No últimos anos as medidas postas en marcha polo concello (a través da campaña medioambiental #SanXoanSenLixo) e a concienciación da cidadanía permitiran que, por exemplo, a praia de Panxón amencera sen lixo, pois o 95% das 20 toneladas xeradas na noite de San Xoán fora depositado pola xente nos colectores. O comportamento cívico da gran maioría permitiu que os traballadores municipais tardasen menos de dúas horas en deixar o areal completamente limpo, cando o habitual hai anos era que este traballo se estendese ata o mediodía.
O pasado ano as medidas postas en marcha polo concello e a concienciación da cidadanía permitiran que, por exemplo, a praia de Panxón amencera sen lixo, pois o 95% das 20 toneladas xeradas na noite de San Xoán fora depositado pola xente nos colectores
Fronte á imaxe de moitas praias de toda Galicia cheas de residuos tras unha noite de festa, o pasado ano en Nigrán a campaña para que cada persoa levase os seus desperdicios aos puntos habilitados permitiu que o areal quedase limpo ás nove da mañá
Porén, na celebración do San Xoán deste ano en Nigrán houbo moita máis xente que en anos precedentes, debido á coincidencia da festa en venres, ás altas temperaturas e tamén á ausencia completa de problemas derivados da pandemia de COVID. O Concello de Nigrán calcula que en praia América, entre Panxón e Lourido, xuntáronse máis de 60.000 persoas, tres veces máis que en anos anteriores.
Os traballadores tardaron catro horas en deixar a praia limpa
Esta maior afluencia tamén multiplicou os desperdicios, que superaron as 40 toneladas. Isto provocou que a cantidade de lixo que os operarios municipais atoparon ao día seguinte fose moito maior e que estes tardasen ata catro horas (entre as 6 e as 10 da mañá) en recollelo completamente.
"Cando hai tanta xente, desgraciadamente non é suficiente que o 80% dos asistentes cumpran coas normas", destacou o alcalde
O alcalde, Juan González, destacou que "temos que ter claro que sen ter realizado desde o Concello a campaña de concienciación 'SanXoanSenLixo' isto sería un vertedoiro absoluto, pero hai que recoñecer que este ano non foi suficiente ante unha afluencia tan masiva, así que tomaremos novas medidas no 2024". "A festa estendeuse desde Panxón a Lourido e non chegamos á conciencia do 100% dos asistentes á hora de depositar o lixo nos contedores ou saídas do areal, isto lévanos a reflexionar para vindeiras edicións, sobre todo cando haxa expectativas de afluencia tan masiva", engade.
"Sen a campaña de concienciación 'SanXoanSenLixo' isto sería un vertedoiro absoluto, pero hai que recoñecer que este ano non foi suficiente ante a afluencia masiva, así que tomaremos novas medidas"
González conclúe que "cando hai tanta xente, desgraciadamente non é suficiente que o 80% dos asistentes cumpran coas normas" e entre as medidas que o Concello baralla para o vindeiro ano está a de acoutar o propio areal, ademais de adoptar medidas activas que vaian máis alá das actuais recomendacións, como a de non facer buratos. O punto positivo, iso si, é que a pesar da gran congregación de xente, non se produciron non se "incidentes destacados", destaca o Concello.
A Coruña: 150.000 persoas nas praias no ano "con menos residuos"
Na Coruña, en cambio, o concello destaca que esta foi a edición de San Xoán "con menos residuos", nunha noite na que se reuniron máis de 150.000 persoas nas praias. O servizo especial de recollida do lixo comezou a traballar inmediatamente despois do desaloxo das praias, empezando polo areal de Riazor, que quedou liberado de restos ás 10 horas.
Segundo os datos do servizo, este ano recolleuse un 33% menos de residuos que no 2022, "o que evidencia unha maior concienciación cidadá polo mantemento das praias e dos espazos públicos nesta celebración", destaca o Concello. Recolléronse 57 toneladas de lixo fronte 86 toneladas do ano pasado. En comparacion cos datos do 2018, cando se recolleron 117 toneladas de residuos, a reducción do lixo nas últimas catro edición de San Xoán supera o 50%. Tratase da cifra de lixo da noite de San Xoán máis baixa desde que hai datos, sinala o Goberno local herculino.