
As rutas fluviais da Deputación de Lugo dende Ponte do Sil e Belesar ofrecen unha "visión única" dos canóns "escavados polos ríos ao longo de milleiros de anos", dos traballos da viticultura heroica ou de paisaxes singulares coma o Cabo do Mundo
Hai máis de dúas décadas a Ribeira Sacra lucense tiña un perfil turístico ben diferente ao actual. "Moito antes de que a comarca se consolidase como un dos principais referentes turísticos da provincia e de toda Galicia", evoca a Deputación de Lugo, os catamaráns da institución provincial foron unha "aposta pioneira" para "mostrar este territorio dende a súa perspectiva máis privilexiada: a dos ríos".
O Miño e o Sil seguen a ser "a mellor porta de entrada pada descubrir a esencia" da Ribeira Sacra. É a base do convite da nova xeira das rutas fluviais da Deputación para este verán. A rentes da auga vese como dende ningún outro punto como a auga "modelou durante séculos un territorio singular, marcado pola presenza dos mosteiros, pola viticultura heroica e por unha estreita relación entre a natureza e a actividade humana".
A visión dende o río é "única". A cuberta destas embarcacións vira en miradoiro para "contemplar os impresionantes canóns escavados polos ríos ao longo de millóns de anos, descubrir os viñedos sostidos en ladeiras imposibles que dan forma á coñecida viticultura heroica e achegarse aos mosteiros e elementos patrimoniais".
Xa o puideron facer "decenas de miles de persoas", salienta a Deputación de Lugo. Non en van, só na pasada Semana Santa foron máis de 2.400 persoas as participantes nas rutas. Na tempada completa, de marzo a decembro, as cifras roldan as 60.000 visitas "para descubrir unha das paisaxes máis extraordinarias de Europa.
Reservas dispoñibles para tres embarcacións
As rutas fluviais da Deputación de Lugo pola Ribeira Sacra realízanse a bordo de tres embarcacións. Dende Ponte do Sil (Monforte) parten os catamaráns Mencía e Canon do Sil nunha ruta que chega á contorna do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil.
En Belesar está o punto de einicio da ruta do catamarán Pelegrín para descubrir a ruta do Cabo do Mundo. Ofrece, salienta a Deputación, a oportunidade de contemplar desde o río un dos meandros do Miño máis coñecidos e fotografados".
Os horarios e rutas completas e a propia reserva de billetes están dispoñibles no web oficial das rutas fluviais da Deputación de Lugo. Contan, asemade, cun servizo de información telefónica no 982 26 01 96.