- EN VINTE | «A Duendeneta é vivir dentro dun corazón no que latexa a música e iso engancha»
- EN VINTE | Fillas de Cassandra: «Queremos permitirnos errar»
“Vilaxoán non se entende sen o Revenidas e o Revenidas non sen entede sen Vilaxoán”. O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, resume deste xeito como o festival xurdido a partir da tradicional sardiñada desta vila mariñeira está xa fundido coa identidade da vila mesma.
Varias das principais bandas e artistas da escena musical galega e estatal volven a Vilaxoán do 12 ao 15 de setembro
Fíxoo no acto de presentación que serviu tamén como inicio da conta atrás para a edición 2024 do evento, no que o Revenidas bate varios récords e no que acentúa o seu carácter mariñeiro. "A verdadeira estrela do Revenidas é Vilaxoán", mantén o responsable da organización do festival, Xoán Quintáns, para referirse a un "evento único" por cuxos palcos pasarán do 12 ao 15 de setembro varias das principais bandas e artistas da actual escena musical galega e doutros puntos do Estado e do mundo.
Así, alén dos concertos no seu formato tradicional, Vilaxoán gaña protagonismo con actividades como un roteiro guiado por Xurxo Souto na véspera do inicio dos concertos (mércores 11, 11h30). Tamén cos concertos a bordo dun barco xeiteiro, o Chasula, que levará nas súas singraduras pola ría durante a xornada do a Mondra (13 h), Lontreira (15 h) e Catuxa Salom (17 h) e o domingo, a Monoulious Dop (13 h), Sés (15 h) e Fillas de Cassandra (17 h).
A música, xa soará nos escenarios do Revenidas o xoves, 12, con Lendakaris Muertos, Muchachito Bombo Infierno, Dakidarría, Tye Tyets, Balkan Paradise Orquestra, Mafalda, Vértebras e Trashtucada. O venres 13 estarán en Vilaxoán La Pegatina, Fillas de Cassandra, Narco, Miss Bolivia, ETS e Lontreira. E o sábado tocarán Tanxugueiras, Dubioza Kolektiv, El Kanka, The Rapants, Guadi Galego, Talco, La Fúmiga, Los Niños Jesús, Rebeliom do Inframundo, Xavi Sarrià, Catuxa Salom, Lágrimas de Sangre, Loita Aamada e La Yaya Dj.
Os devanditos tres días, ademais, os asistentes bailarán ao son das músicas da emblemática discoteca móbil A Duendeneta. O domingo, día 15, pecharán a programación Uxía Lambona e a Banda Molona, Os Terribles de Arousa, Mekanika Rolling Band, Caamaño & Ameixeiras e De Ninghures.
Xunto cunha manchea de concertos, o Revenidas acolle actividades xa clásicas como a sardiñada ou a Gala Solidaria de Circo
Xunto con toda esta manchea de concertos o Revenidas volve acoller outro dos seus clásicos, a Gala Solidaria de Circo, ás 17h30 do domingo. Centrada na solidariedade co pobo palestino, será unha actividade de balde e contará con artistas como Peter Punk, Cris Collazo, o clown Alfredo Pérez Muíño; a actriz, trapecista e bailarina Sue Moreno, o Mago Noel ou o dúo Jack Jhonson e Jhon Jackson, que forman o artista circense David Varona e o músico e malabarista Jonathan Valencia.
Aínda é posible adquirir abonos para o Revenidas 2024 no sitio web do festival, así como as entradas por día.