O Surfing the Lérez regresa con máis de trinta actuacións ao vivo na romaría urbana de Pontevedra

Público no festival Surfing the Lérez, en Pontevedra, na edición de 2019 © Beatriz Císcar/Surfing the Lérez

O Surfing the Lérez regresa á Illa do Covo de Pontevedra despois de dous anos sen celebrarse por mor da pandemia. Do 23 ao 25 de xuño haberá música en directo, actividades para as crianzas e postos gastronómicos nesta romaría urbana

A romaría urbana de Pontevedra, o Surfing the Lérez, volve esta fin de semana logo de dous anos sen poder celebrarse por mor da pandemia da COVID-19. O vestival regresa con ánimos renovados, con tres xornadas de música e actividades en directo, entre o 23 e o 25 de xuño, coincidindo coa celebración do San Xoán [este ano día festivo en toda Galicia].

A Illa do Covo volverá ser o escenario principal da festa, que albergará ducias de concertos ao longo do día. "Sen dúbida, esta será a cita que abra o verán de Pontevedra. Foron dous anos moi duros e moi longos estes últimos; na saúde, na sociedade, no sector cultural… Volve o Surfing, a décima edición xa, oito anos xa na beira do río", sostivo a concelleira de Festas do Concello de Pontevedra, Carme da Silva, na presentación desta cita tan agardada.

Cartaz do Surfing the Lérez © Surfing the Lérez

Pasarán polo festival Grande Amore, Heredeiros da Crus, Terbutalina, Budiño, Berto e Familia Caamagno, entre outros

Desde este xoves ás catro da tarde e ata a madrugada do sábado, o Surfing the Lérez ten preparadas tres intensas xornadas con música en directo e actividades para todas as idades. O recinto contará con catro escenarios, un deles para a cativada, postos gastronómicos de hostaleiros locais e xogos e obradoiros. 

O xoves, día 23, están previstas as actuacións de Uncle Doc & The Homeboys, Wyygga e YNGZ ao longo da tarde. Haberá un concerto de Golfiños para as crianzas a partir das 18.30 horas, e xa á tardiña subirá ao escenario Budiño coa súa banda, Ariezzz e Ortiga. Ademais, Carlangas de Novedades Carminha estará como picadiscos e a sesión Sebastian Black b2 b G Rich pechará a xornada. 

A entrada é de balde, colaborando nunha recollida de alimentos coa Rede Axuda

Para o venres, día 24, a programación comeza a media mañá e non para a mediodía, con sesións de Señora DJ, Kris K DJ, DJ Dinero, Carlos Crespo DJ e Maefield, e as actuacións de Heredeiros da Crus, Fondo Norte, Moura, Indy Tumbitas, Dismal, Gazela, O cadelo lunático, Anxo Araújo, Ruxe Ruxe, Thee Blind Crows.

O público infantil contará con actuacións especiais de Magín Blanco (de 12.30 a 13.20 horas), un Obradoiro de Béisbol cos Relámpagos (de 12.00 a 14.00 horas), e pola tarde a presenza de Xarope Tulú (de 18.30 a 19.20 horas) e mais un Obradoiro de Memoria Histórica e Rimas con García MC (de 19.45 a 21.45 horas).

A concelleira de Festas de Pontevedra, Carme da Silva, xunto aos organizadores do festival CC-BY-SA Concello de Pontevedra

Xa o sábado, día 25,  estarán no Surfing the Lérez Praia Desmayo, Familia Caamagno, Kings of the Beach, Berto, Cora Velasco, The Rapants, Boyanka Kostova, Copa Turbo, Carlota Crey, Grande Amore, Terbutalina, Queco Lago e Elephants and Paw. Tamén haberá sesións de Thom + Marinha DJ e DJ Dinero.

Ademais, o alumnado da escola de música Bonobo despregará o aprendido nun dos escenarios de 12 da mañá ás 20.30 horas da tarde. Nunha xornada na que o público infantil poderá gozar da actividade Plant your future’ (de 12.00 a 12.40 horas), dos Xogos paporrubio (de 12.30 a 14.00 horas) e d'A Illa sen tesouro (de 18.30 a 19.20 horas).

O cartel desta edición está composto en exclusiva por grupos galegos, cunha especial atención á escena local pontevedresa. "É un Surfing que nace en Pontevedra, coa súa creatividade, é que aposta por darlle voz e escenario a músicos e grupos da cidade. Desde os 3 anos até onde sexa. O escenario infantil será algo marabilloso", asegurou a edil de Festas. 

Como xa viña sucedendo neste festival, a entrada é de balde e haberá unha colaboración de recollida de alimentos coa Rede Axuda, co fin de entregar algún tipo de alimento ao entrar no recinto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.