Este sábado 19 de novembro cúmprense 14 anos do afundimento do Prestige. Logo daqueles seis días de rumbo errático marcado polo Goberno central -Álvarez Cascos ordenou envialo "ao quinto pino"-, o buque cargado con 77.000 toneladas de fuel parte a 250 quilómetros de Galicia. Máis de 60.000 daquelas toneladas fóronse esparexendo pola costa, afectando con dureza as rías galegas e deixando restos de chapapote desde a desembocadura do Miño até o suroeste de Francia. A pesca foi prohibida durante meses, os mariñeiros amarraron os barcos e milleiros de voluntarios limparon rochas e praias e sufriron uns efectos contaminantes que mataron máis de 100.000 aves e acabaron con incontables recursos mariños. Máis dunha década despois, a Audiencia Provincial da Coruña absolveu o Estado e o capitán de delito medioambiental, un delito que si recoñecería o Supremo hai dez meses pero só para Mangouras. Exculpados os responsables políticos, a sentenza do alto tribunal corrixiu o ditame anterior e abriu a porta ao cobro das indemnizacións. Pero por parte de quen? A quen? Canto? Cando?
A sentenza do Supremo abre a porta a que a aseguradora pague as compensacións pero o límite está nos 1.000 millóns de dólares da póliza
O Supremo condena o capitán do buque, Apostolos Mangouras, por delito medioambiental logo de que a sentenza de instancia lle atribuíra unicamente un delito de desobediencia grave. Ademais, declara a responsabilidade civil da propietaria do buque (a liberiana Mare Shipping) e da aseguradora (The London P&I Club), o que abre a porta a que esta última asuma o pagamento das compensacións por danos materiais e ao medio ambiente. No entanto, o límite de cobertura na póliza é de 1.000 millóns de dólares (943 millóns de euros), fronte aos 4.328 millóns que reclama a Fiscalía froito da peritaxe realizada por unha experta da USC que analizou os danos ecocómicos e sociais, aínda que "á baixa" ao non poder alongarse no tempo máis aló de 2006.
Momento no que o Prestige parte e afunde a 250 quilómetros das costas galegas
A responsabilidade civil deses danos puido recaer nalgunha peza máis de todo o enguedello empresarial que conformaba o Prestige, pero non houbo maneira. O Estado intentouno coa clasificadora estadounidense American Bureau of Shipping (ABS), a que expediu o último certificado de navegabilidade do buque, e gastou 30 millóns de euros en intentar levar a preito esta sociedade sen conseguilo. En canto á armadora, está desaparecida para as autoridades. "A aseguradora é o único suxeito solvente", lembra Álvaro García Ortiz, fiscal de Medio Ambiente de Galicia e no caso do Prestige, que recoñece a "complexidade" dun proceso que abrangue o desastre ecolóxico provocado por un petroleiro construído en Xapón, con bandeira das Bahamas, dono liberiano, armador grego, certificado de navegación estadounidense e que foi fretado por unha sociedade suíza.
A Fiscalía reclama 4.328 millóns de euros polos danos causados pola catástrofe do Prestige
Con todo, tamén se declarou a responsabilidade civil do FIDAC (Fondo Internacional para a Indemnización de Danos Causados polos Hidrocarburos), aínda que "cos límites establecidos no convenio que o regula". O devandito Fondo xa achegou máis de 170 millóns -o máximo posible- co que se pagou a moitos dos prexudicados. Ademais, están os 22 millóns de euros consignados pola aseguradora no xulgado de Corcubión no comezo de todo o proceso.
Á marxe do que poida achegar a aseguradora, que xa consignara 22 millóns, o FIDAC abonou máis de 170 millóns
O Estado, entre os decretos de indemnización para pagar a empresas, municipios, sectores afectados e miles de mariñeiros, ademais de todos os gastos derivados da limpeza e a xestión da catástrofe, calcúlase que desembolsou máis de 1.000 millóns de euros. Por iso, no caso de que definitivamente a aseguradora pague a factura, a maioría da cantidade irá destinada nomeadamente ao Estado e, en menor medida, ao resto das administracións -Xunta, Executivo francés e concellos- prexudicadas, aínda que tamén hai algún particular que reclama importantes cantidades.
O Estado, que xa desembolsou 1.000 millóns pola catástrofe, recibiría a maior parte do que se consiga da aseguradora
A propia sentenza da Audiencia Provincial certificara xa que o Prestige fixéralle gastar ao Estado 368 millóns de euros, 145 millóns á Xunta e 67 a Francia, ademais doutros "inxentes danos e prexuízos" a empresas e particulares.
Álvaro García Ortiz, fiscal de Medio Ambiente de Galicia / © Fiscalía Xeral do Estado
"A maior parte das compensacións que pague a aseguradora irían para o Estado porque suma ao seu propio prexuízo todos os cartos que tivo que adiantar", engade García Ortiz, que lembra que o Goberno central fixou os decretos de indemnización aos afectados e subrogouse a reclamación ante terceiros, imposibilitándolles a estes beneficiarios a vía xudicial.
Pero será agora a Audiencia Provincial a que, por orde do Supremo, terá que fixar esas compensacións, que principalmente irán destinadas ás administracións que adiantaron pagos. É un proceso que aínda non ten data final porque a valoración dos danos e a repartición deses cartos, ante a enorme cantidade de documentación acumulada, será un traballo moi laborioso. Logo de determinar a solvencia, os case 1.000 millóns parece o máximo posible a conseguir para resarcir -é unha forma de falar- uns danos económicos, medioambientais e sociais incuantificables aínda hoxe en día. A fiscalía cifrounos en máis de 4.000 pero nin tan sequera iso parece compensar. Sexa como for, a batalla xudicial continuará agora no Reino Unido porque a aseguradora continúa na pelexa.
A Xustiza británica entende que a aseguradora só pode pagar á armadora e unha vez que esta abone as compensacións
"Canto a Audiencia Provincial acabe de fixar as indemnizacións, será cando haxa que ir a Londres a dar a batalla xudicial", advirte García Ortiz, sabedor da seguinte pedra que o proceso vai atopar no camiño. Unha sentenza de 2013 dun tribunal británico, atendendo á solicitude da aseguradora, ditamina que esta só estaría obrigada a pagar directamente ao armador e logo de que este achegase as compensacións requiridas. "É unha discusión xurídica", aclara o fiscal, que pon un exemplo común para entendelo. "En España, se tes un accidente de tráfico, ti non reclamas directamente á persoa que che deu o golpe, senón á compañía de seguros; en Inglaterra non é así e entenden que tampouco o ten que ser neste caso", explica.
O Estado pelexará agora por que prevaleza o ditame do Supremo fronte a resolución dos tribunais británicos a favor da aseguradora
Será, xa que logo, unha batalla para determinar se prevalece o ditame penal do Supremo ou o civil dos tribunais británicos. As alternativas son dúas, ou mesmo ambas á vez: unha comisión rogatoria que pida á xustiza do Reino Unido a execución da sentenza e unha demanda á aseguradora na súa propia xurisdición. A vitoria do Brexit o pasado xuño aínda engadiu máis incerteza ao cobro duns cartos que poidan resarcir -en parte- todo o mal causado por aquela marea negra.