No marco da Mobilización Climática Global deste 25 de marzo, o Movemento Galego polo Clima convocou catro concentracións e accións en Lugo, Ourense, Santiago e A Coruña baixo o lema "Vida contra Capital"
Nos últimos dous anos, a pandemia de COVID-19 relegou as o medio ambiente a unha posición secundaria nas preocupacións da sociedade e nas axendas de gobernos e medios de comunicación. A finais do ano 2019 as mobilizacións contra o cambio climático estendéronse por todo o planeta e levaron á convocatoria de importantes manifestacións medioambientais en Galicia, con milleiros de persoas nas rúas, sobre todo das xeracións máis novas, e co impulso de organizacións como Fridays for Future ou Teachers for Future.
Nese momento xurdiu, ademais, o Movemento Galego polo Clima, unha plataforma que reunía a case un cento de organizacións ambientalistas, tanto de ámbito galego coma local, para traballar de forma conxunta. A emerxencia sanitaria paralizou durante un tempo as mobilizacións contra o cambio climático, que agora se volven relanzar a través dunha convocatoria internacional de Fridays For Future, que chamou a unha nova Mobilización Climática Global este venres 25 de marzo.
As convocatorias esixen medidas "para mitigar as consecuencias da crise climática", apostando pola "transformación e democratización do sector enerxético" e por "economías sociais que apostan polo decrecemento e poñen os ecosistemas e a vida no centro"
O Movemento Galego polo Clima convocou catro concentracións e accións en Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña baixo o lema "Vida contra Capital". As convocatorias esixen medidas "para mitigar as consecuencias da crise climática", apostando pola "transformación e democratización do sector enerxético".
"Precisamos deixar atrás os modelos económicos que van en contra da vida e que priman o crecemento e os beneficios só para uns poucos, e optar por economías sociais que apostan polo decrecemento e poñen os ecosistemas e a vida no centro", sinala o Movemento Galego polo Clima, que engade que "isto só será posible se se comeza a dotar da importancia que debe ter ao local e ao rural, e tómanse con urxencia as medidas necesarias para levar a cabo unha transición ecosocial xusta e sostible para todos os seres que convivimos no planeta".
As emisións contaminantes "seguen aumentando, os recursos séguense esgotando e os gobernos seguen subvencionando con diñeiro público a industria dos combustibles fósiles", denuncia o MGC
As organizacións que compoñen o Movemento denuncian que as emisións contaminantes "seguen aumentando, os recursos séguense esgotando e os gobernos seguen subvencionando con diñeiro público a industria dos combustibles fósiles".
Cada unha das convocatorias conta coa súa propia programación e actividades, como a "Foliada polo Clima" que incluirá a concentración de Santiago de Compostela. Ou, por exemplo, a convocatoria da Coruña, fronte á estación de tren de San Cristóbal, incidirá na demanda da potenciación dos servizos ferroviarios como alternativa sustentable ao excesivo uso do automóbil privado.

Convocatorias
- Lugo. 18:00 horas. Parque de Rosalía
- Ourense. 18:00. Parque de San Lázaro
- Compostela. 19:30. Alameda
- A Coruña. 20:00. Praza de San Cristóbal (fronte á Estación de Tren)