A RAG proporá un novo modelo a prol do galego no ensino tras a fin da vía xudicial contra o decreto

Sesión plenaria da Real Academia Galega, en Pontevedra © Ana Varela

A inadmisión a trámite por parte do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) da demanda que a Real Academia Galega (RAG) presentou contra decreto do plurilingüismo vén de esgotar a vía xudicial contra a polémica norma. "Se cadra é o momento de reflexionar con máis calma e unha visión máis longa", di agora a institución académica, consciente de que a resolución da Corte comunitaria supón un punto e seguido na batalla contra o Decreto 79/2010, rexeitado maioritariamente pola comunidade educativa, polos axentes sociais arredor da lingua e por toda a oposición, e censurado polo Consello de Europa. Con todo, é ben sabido que un reforzado PP non ten intención ningunha de variar a cerna da súa política lingüística no ensino, pero tamén que teimar na campaña de desprestixio contra o galego non lle achegaría xa ningún beneficio. Aí é onde a RAG tomará a iniciativa. Ao longo de 2017 traballará para presentar unha proposta "que permita darlle unha volta" ao decreto e "formular unha alternativa" para acadar un modelo que non afonde nos prexuízos cara ao idioma propio e permita un consenso de mínimos. 

A RAG proporá en 2017 un novo modelo lingüístico "alternativo" no ensino "para darlle unha volta" ao polémico decreto actual

"Estou convencido de que é posible atopar un modelo flexible, que non satisfaga ao 100% a ninguén pero que tampouco sexa rexeitado plenamente por ninguén e que non sexa tan prexudicial para o galego", di Henrique Monteagudo, secretario da RAG, consciente de que o remate da vía xudicial contra o Decreto 79/2010 debe tamén levar "a unha reflexión" na Academia, "que hai que facer e que estou seguro de que se vai facer". 

A RAG mantén unha interlocución bastante áxil coa Xunta e tamén un diálogo fluído co resto de axentes políticos e sociais do país. Esa posición é a que pretende aproveitar no vindeiro ano, tendo en conta tamén o remate dun ciclo electoral con demasiadas citas nas urnas, para propoñer un cambio, sendo consciente de que o PP "sabe que tomou decisións inxustificadas e deu pasos que non se debían dar arredor da lingua" pero tamén de que "non vai arriscar a facer agora grandes mudanzas". 

A fórmula da RAG baséase no respecto ás obrigas recollidas na Carta Europea e na maior presenza do galego "en xeral"

Malia que "o PP debería ser quen tomase a iniciativa" e que o desexable é "o entendemento entre os partidos políticos", a RAG está disposta a dar  un paso, tamén logo de que a profunde crise "relegase o tema da lingua a un segundo plano". A idea, pendente desa "reflexión" en conxunto na Academia, é propoñer un modelo "respectuoso con todos, flexible e que non impida que nenos e nenas galegofalantes poidan recibir o groso do seu ensino no seu idioma", reflexiona Monteagudo, que lembra que esa é unha obriga recollida na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias asinada e ratificada polo Estado e, ademais, "un dereito fundamental" que a Xunta ten o "compromiso de garantir". 

"Un modelo respectuoso con todos, flexible e que non impida que nenos e nenas galegofalantes poidan recibir o ensino no seu idioma"

Alén disto, o novo modelo educativo debería tamén "contemplar unha maior presenza do galego en xeral", pero tendo en conta que non todo o mundo quere chegar aos máximos e que "hai lugares nos que teremos que quedar nuns mínimos". "Sobre esas bases pódese facer un modelo de ensino que non sexa visto como unha imposición", engade Monteagudo, que lembra que un dos grandes obstáculos para a aplicación de normativas no ensino que ían na liña do Plan Xeral de Normalización ou da Lei de Normalización Lingüística "foi a oposición de determinados centros de ensino privado". "Pero para favorecer estes poucos non se pode prexudicar o resto", advirte. 

Xa que logo, a RAG proporá un modelo lingüístico para o ensino que reforce o galego a nivel xeral e que garanta que os nenos galegofalantes non perdan a súa lingua ao pouco de escolarizarse, tal e como está a pasar en moitos casos. "Houbo unha conflitividade moi elevada durante anos e a maior parte dos axentes involucrados chegaron á conclusión de que a vía da belixerancia extrema tampouco conducía a ningures; logo, a crise colocou por diante outras prioridades", reflexiona Monteagudo. 

 

Unha longa e "complicada" batalla xudicial

En canto ao esgotamento da vía xudicial, o secretario da RAG aclara que a institución xa era "consciente" da dificultade que tiña a demanda no Tribunal de Estrasburgo, unha Corte que recibe unhas 40.000 denuncias por ano das que só se acepta arredor dun 6%. Moitas delas non son admitidas a trámite por non seren presentadas por persoas ou colectivos directamente afectados por unha vulneración de dereitos fundamentais, xustamente o defecto de forma ao que aludiu para inadmitir a da Academia. 

O TSXG botara abaixo a cerna da política lingüística do PP, os dous artigos máis polémicos do decreto que, no entanto, foi avalado

"Se a demanda fose admitida a trámite o tribunal comprobaría que a Academia presentouna a instancia de persoas e familias, pero nin tan sequera se valorou nin se entrou no fondo da cuestión", engade Monteagudo, que lembra que a RAG "tiña o compromiso de esgotar a vía xudicial" e así o fixo. "Cremos que temos a razón da nosa parte, pero sabiamos que por procedemento ía ser complicado", remata. 

A resolución de Estrasburgo pon fin a unha batalla xudicial que comezou no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que avalou a legalidade da norma pero botou abaixo algúns dos puntos máis polémicos e deu un pau á cerna da política lingüística instaurada polo Goberno de Feijóo e cuxa base ideolóxica empregou o PP na controvertida campaña de 2009: vetouse o artigo no que se lles permitía aos alumnos a liberdade de empregar a lingua de preferencia na aula independentemente de na que se impartise a materia e eliminou o carácter vinculante da consulta ás familias sobre o idioma.

A RAG acudiu ao Superior galego, ao Supremo, ao Constitucional e ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos

Foron, en realidade, varias sentenzas en resposta de diferentes recursos que acabaron por obrigar a Xunta a recuar algúns aspectos da súa política lingüística, pero que lle permitiron seguir adiante co Decreto 79/2010, aínda que corrixido. A Academia acudiu ao Supremo e presentou un recurso de casación. O alto tribunal desestimouno malia recoñecer na sentenza a desigualdade da lingua propia con respecto ao castelán, aínda que aseguraba que "en modo ningún" se debía ao modelo implantado pola nova normativa.

A RAG seguiu adiante e acudiu desta vez ao Constitucional, que considerou que non era materia da súa competencia ao entender que o asunto non afectaba aos dereitos fudamentais. Ao esgotar a vía xudicial no Estado, presentou demanda no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que non a admitiu a trámite. 

Fachada da Real Academia Galega © CCG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.