A Xunta busca aplacar o malestar sanitario de Vigo con promesas de melloras ás portas dunha epidemia de gripe

Vázquez Almuíña, na inauguración do centro de saúde Taboada Leal de Vigo © Xunta

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, mantivo na tarde deste xoves unha longa xuntanza (5 horas) cunha representación dos 25 xefes de servizo da área sanitaria de Vigo que dimitiron en decembro. Nese encontro Vázquez Almuíña comprometeuse a atender nos vindeiros meses unha parte importante das demandas efectuadas polo colectivo. 

A Xunta promete unha convocatoria de emprego para as vacantes na área viguesa no prazo de seis meses

Entre as promesas realizadas polo conselleiro están a convocatoria -no prazo de seis meses- dunha Oferta Pública de Emprego (OPE) que cobra o 108% das vacantes na área viguesa, autorizar aos médicos de familias a solicitar probas diagnósticas e repoñer o material médico defectuoso. Sanidade tamén puxo sobre a mesa a súa recente proposta de contrato para o persoal eventual de Atención Primaria, acordado con algúns sindicatos, pero rexeitado por CIG, CCOO e o colectivo 'Precarias pola Atención Primaria'.

O colectivo de xefes de servizo recibiu con agrado as promesas efectuadas por Vázquez Almuíña, que sinalou que as medidas máis urxentes se efectuarán no prazo de tres meses. Con todo, o contido concreto das propostas realizadas pola consellería aínda se descoñece e, de feito, os sindicatos rexeitaron realizar valoracións sobre o acordado ata ter unha confirmación detallada das medidas que se adoptarían.

Os sindicatos rexeitaron realizar valoracións sobre as promesas ata ter unha confirmación detallada das medidas

Estes compromisos buscan aplacar o crecente malestar existente en Vigo pola situación do sistema sanitario, tanto entre os profesionais como entre a cidadanía. O pasado 27 de decembro 40.000 persoas manifestáronse na cidade baixo o lema de "Pola dignidade da Atención Primaria", uníndose ás críticas realizadas polos xefes de servizo dimitidos e por numerosas entidades profesionais e sindicatos. "Á falta de recursos da Atención Primaria en Galicia, en Vigo únense os problemas xerados por Povisa e o Álvaro Cunqueiro", subliñaban en conversa con Praza.gal representantes de CIG, CC.OO. e a AGDSP. E, de igual xeito, 300 profesionais entrevistados pola AGAMFEC alertaban de que "É inviable ver 58 pacientes ao día. A calidade asistencial é mínima”.

O persoal de Atención Primaria negárase a prolongar as súas xornadas laborais máis aló do establecido nos seus contratos

Os médicos e médicas de Atención Primaria de Vigo decidiron hai unhas semanas tomar medidas ante a sobrecarga de traballo que padecen, negándose a prolongar as súas xornadas laborais máis aló do número de horas establecido no seu contrato e limitando o número de pacientes de atenden cada día. A medidas podería xerar listas de espera nos centros de saúde da Área Sanitaria e provocar situacións de saturación nos servizos de urxencia. Os traballadores e traballadoras denuncian que ata agora, e ante a negativa do SERGAS a contratar máis médicos (alegando que non atopan facultativos en paro dispostos a traballar) as prolongacións de xornada foron o mecanismo que foi evitando a creación de listas de agarda.

Semella que a ameaza tivo efecto, movendo á Consellería de Sanidade a flexibilizar as súas posicións. Cómpre lembrar que a primeira reacción do xerente da EOXI, Félix Rubial, foi de desprezo ás críticas e que o propio Jesús Vázquez Almuíña argumentara que a situación noutras comunidades autónomas é peor que en Galicia.

 

Epidemia de gripe

O último informe de actividade gripal amosa un gran crecemento do número de casos na última semana

As promesas de mellora lanzadas este xoves pola Xunta chegan xusto cando está a iniciarse unha epidemia de gripe en Galicia, o que unido ás protestas do persoal sanitario podería levar a situacións de saturación e colapso na maior parte do centros. O último informe de actividade gripal, publicado este venres, amosa un gran crecemento do número de casos na última semana. O SERGAS activou os plans de continxencia para atender o incremento da demanda asistencial e o aumento da necesidade de ingreso hospitalario con motivo da actividade gripal. Ademais, a Consellería de Sanidade decidiu prorrogar ata o vindeiro día 25 de xaneiro a campaña de vacinación da gripe.

O Sindicato de Enfermaría SATSE pediu xa incrementar o número de profesionais e medios para atender a epidemia de gripe. "En Galicia aínda non estamos no pico forte de gripe. Con todo as Urxencias hospitalarias están a dar mostras de non poder soportar a afluencia de pacientes", alerta. "Pacientes en padiolas e cadeiras de rodas polos corredores en lugar de ser ingresados, esperas de resultados superiores ás 48 horas, espazos sen cortinas nin biombos que ofrezan certa intimidade, acompañantes sentados no chan... Estas e outras situacións están a vivirse nos hospitais galegos", segundo os testemuños dos profesionais recompilados por SATSE.

Dende o inicio da tempada declaráronse 152 ingresos hospitalarios por gripe en Galicia. Do total dos casos, 17 requiriron asistencia en uci e dos 136 que tiñan indicada a vacina, 86 non a recibiran. Entre as persoas ingresadas houbo dous falecementos, un deles directamente pola gripe. Ningunha delas estaba vacinada.

Actividade gripal en Galicia © SERGAS

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.