A primeira fase da campaña 'Xustiza para o Ulla' procura recadar 39.100 euros para recorrer a autorización ambiental integrada da factoría en canto estea aprobada e mais a "denegación da solicitude do arquivo do trámite da concesión de augas"
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza lanzou o pasado 28 de marzo a campaña Xustiza para o Ulla, unha recadación de fondos destinada a "acadar os medios económicos necesarios que permitan defender xuridicamente o río Ulla fronte ás ameazas ambientais da macrocelulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino". Como primeira acción, a organización ecoloxista propúxose xuntar 39.100 euros para tentar frear nos tribunais a instalación en Palas de Rei da fábrica de celulosa soluble e fibras téxtiles lyocell a partir deste produto que impulsa a compañía portuguesa canda Greenalia.
Catro días despois de lanzar a campaña, Adega confirma que xa xuntou algo máis da cuarta parte do obxectivo, con máis de 10.000 euros no momento da redacción da presente información. Para a organización, "esta rápida e firme resposta cidadá evidencia a gran preocupación social polo impacto ambiental e socioeconómico que suporía a instalación" de Altri na Ulloa. "Reflicte, ademais, compromiso da sociedade galega coa defensa dos ríos e do territorio", coidan.

Con este primeiro "reto", aberto ata o 28 de xuño, Adega procura "enfrontar, con garantías económicas, técnicas e xurídicas", dous recursos contencioso-administrativos. Pretenden, especifican, impugnar ante o Tribunal Superior de Xustiza a Autorización Ambiental Integrada de Altri, "anunciada para antes do verán". Ademais, procuran sufragar "o recurso contra a denegación da solicitude de arquivo do trámite da concesión de augas, por ter excedido o prazo máximo para a súa resolución sen que esta se producise".
Se "a Xunta outorga todas as autorizacións recorribles", calculan, os custos "poderían superar os 100.000 euros".
Esta, en calquera caso, é só unha primeira fase. Adega prevé "ir lanzando novos obxectivos económicos conforme se vaian dando ou anunciando as distintas resolucións administrativas recorribles da Xunta que sexan favorables" a Altri ou á mina de Touro. Recursos, demandas, informes ou eventuais custas xudiciais implican, din, uns "custos da loita xurídica" que "poden variar dependendo do número e entidade dos procedementos xudiciais". Se "a Xunta outorga todas as autorizacións recorribles", calculan, "poderían superar os 100.000 euros".
Con esta previsión, a iniciativa ten bosquexadas xa dúas recadacións adicionais á que ten en marcha. A segunda prevé "emprender accións xudiciais contra a reapertura da mina de Touro-O Pino e a terceira, crear un "fondo común" da "campaña xeral na defensa xurídica do Ulla e, por extensión, da ría de Arousa".