A Coordinadora 'Eólica Así Non' convocou seis mobilizacións en Amil (Moraña), A Fonsagrada, Lugo, Val do Dubra, Vilar do Barrio e Ortigueira
Este domingo celebrouse o Día Mundial das Montañas, data que a Coordinadora “Eólica Así Non” escolleu para convocar seis mobilizacións baixo o lema “Defendemos as montañas contra os gobernos e especuladores” en seis lugares de Galicia nos que se proxecta a instalación de parques eólicos: Amil (Moraña), A Fonsagrada, Lugo, Val do Dubra, Vilar do Barrio e Ortigueira. Na Fonsagrada, iso si, a concentración levouse a cabo o sábado
Varios centos de persoas participaron nas seis convocatorias, que remataron coa lectura cun manifesto que destacouas funcións ecolóxicas e sociais que cumpren as montañas galegas como fornecedoras de auga e alimento, reguladoras do clima e da erosión do solo, como sumidoiros de CO2 e refuxio de fauna e flora.
A Coordinadora reclama a consideración das montañas como ecosistemas de “interese público superior”, que debe "prevalecer sobre o interese privado das empresas eléctricas que especulan co noso territorio"
A Coordinadora Eólica Así Non reclama a consideración das montañas como ecosistemas de “interese público superior”, que debe "prevalecer sobre o interese privado das empresas eléctricas que especulan co noso territorio". Os manifestantes instaron á Xunta e ao Estado a que demostren "que gobernan para o interese xeral e que procuran unha transición ecolóxica ordenada, xusta, sustentábel e ao servizo do pobo galego".
No manifesto rexeitouse a última disposición legal da Xunta pola que se declaran todos os proxectos eólicos de “interese público superior” e con carácter retroactivo, para intentar esquivar as paralizacións cautelares de polígonos eólicos autorizados pola Xustiza, así como a eliminación da avaliación de impacto ambiental dos procedementos administrativos de autorización que se tramitan no Ministerio de Transición Ecolóxica.
A mobilización máis numerosa foi a celebrada na parroquia de Amil, en Moraña, cunha marcha reivindicativa desde a escalinata da Igrexa dos Milagres que denunciou as obras do proxecto eólico de Acibal
A mobilización máis numerosa foi a celebrada na parroquia de Amil, en Moraña, cunha marcha reivindicativa desde a escalinata da Igrexa dos Milagres que denunciou as obras do proxecto eólico de Acibal. En Ortigueira apelouse ao apoio dos concellos das bisbarras de Ortegal e Ferrolterra ao movemento de “Eólica Así Non”, ficando colgadas as bandeiras da mobilización nos balcóns das casas consistoriais de Cerdido e Ortigueira.
No concello coruñés de Val do Dubra hoxe viviuse unha batalla épica contra a meteoroloxía, xa que a marcha desde a aldea de Carlexo ata o alto do Picoto estivo acompañada dun incesante vento, chuvia e, por veces, néboa.
Os actos remataron co anuncio das plataformas e organizacións sociais de que seguirán "mobilizando a sociedade galega e recorrendo nos tribunais os polígonos eólicos autorizados e ilegais"
En Lugo organizacións ecoloxistas, sindicais e culturais congregáronse diante do edificio multiusos da Xunta para berrar “Eólica Así Non” e “Non, non, non, á colonización”. Leron o manifesto veciños e veciñas afectadas polos proxectos eólicos Boura, Monzón e Ventisca, que veñen de obter a declaración de impacto ambiental favorable por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica.
Os actos reivindicativos de “Eólica Así Non” remataron co anuncio das plataformas e organizacións sociais de que seguirán "mobilizando a sociedade galega e recorrendo nos tribunais os polígonos eólicos autorizados e ilegais ata frear o que consideran un asalto sen precedentes ao medio rural e ao medio ambiente galegos".
Reclaman "un modelo de transición ecolóxica xusto coas persoas e respectuoso co medio natural, planificado ao servizo do interese xeral"
A Coordinadora Eólica Así Non está conformada por máis de 200 plataformas, colectivos e organizacións de distintos lugares de Galicia. Reclama "un modelo de transición ecolóxica xusto coas persoas e respectuoso co medio natural, planificado ao servizo do interese xeral" e "fronte os abusos do actual modelo especulativo de implantación de enerxías renovábeis, que está entregando o país enteiro a mans das grandes multinacionais eléctricas".