Centos de persoas protestan en Curtis contra dous proxectos eólicos que afectan a 12 concellos

Protesta en Curtis contra dous proxectos eólicos © Aire Limpo Mariñas-Mandeo

As instalacións proxectadas afectan a Aranga, Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar, Abegondo, Frades, Mesía, Ordes, Carral, Sobrado e Guitiriz

Centos de persoas -1.500 segundo a organización- manifestáronse este sábado en Curtis contra dous novos proxectos eólicos en trámite que afectan a 12 concellos das provincias de Lugo e A Coruña: Aranga, Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar, Abegondo, Frades, Mesía, Ordes e Carral, Sobrado e Guitiriz. A marcha, impulsada pola plataforma Aire Limpo Mariñas-Mandeo, recibiu o apoio de formacións políticas, asociacións e mesmo de nove dos concellos afectados, cuxos alcaldes e alcaldesas asinaron nos últimos días un documento rexeitando a súa instalación.

A marcha percorreu as rúas da localidade, con faixas que facían referencia ao "despoboamento" que -critican- provoca no rural a instalación de parques eólicos e reclamando a potenciación doutro tipo de producións nestes concellos. 

Protesta en Curtis contra dous proxectos eólicos © Aire Limpo Mariñas-Mandeo

Ao remate da manifestación a influencer Letidataberna, da aldea de Paradela, leu o manifesto dos afectados e afectadas

Ao remate da manifestación a influencer Letidataberna, como unha afectada máis da aldea de Paradela, leu o manifesto dos afectados e afectadas no que se amosa a posición a favor da enerxía de xeración eólica pero que esixe un desenvolvemento sostible da rede de produción "compatible coa vida no rural e respectuosa con noso patrimonio natural". O vídeo que Letidataberna subiu hai dúas semanas ás redes, que inclúe as consignas e peticións do manifesto, acadou xa máis de 70.000 visualizacións

No manifesto faise fincapé no "medo" da veciñanza "a perder a nosa forma de vivir, os nosos bens naturais e tamén os materiais, incluído o noso sustento"

No manifesto faise fincapé no "medo" da veciñanza "a perder a nosa forma de vivir, os nosos bens naturais e tamén os materiais, incluído o noso sustento" e tamén a perder a "saúde". "Os proxectos persoais de todos e todas poden botarse a perder por dous proxectos eólicos; macroparques de tal dimensión que converterían todo isto nunha gaiola de muíños e cables de alta tensión", denuncian.

@letidataberna Non adoito pedir nada pero agradecería moito a difusión! ⚠️ Máis info no meu Insta por privado #eolicos #enerxia #facturaluz #luz #denuncia #tiktokeira #galega #tiktokengalego ♬ sonido original - Leti Da Taberna

 "Si queremos que se aproveite a capacidade de producir electricidade cos ventos nos nosos cumios, pero cun desenvolvemento sostible", remata o manifesto, apostando por un cambio no actual modelo de "transición enerxética".

Os proxectos atópanse en fase de exposición pública ata o 5 de abril. Nas últimas semanas xerouse un gran movemento entre a cidadanía destas comarcas que levou á presentación de máis de 5.000 alegacións que na protesta deste sábado encheron a pa dun trator q abriu a manifestación.

Protesta en Curtis contra dous proxectos eólicos © Aire Limpo Mariñas-Mandeo

Presentáronse máis de 5.000 alegacións contra os proxectos, aínda en exposición pública

“Os parques eólicos que se pretenden instalar nesta mesma zona, non repercuten, en absoluto, de maneira positiva na economía da veciñanza dos  concellos afectados. Non serven para o desenvolvemento socioeconómico das poboacións próximas nin xera riqueza no territorio, todo o contrario, contribúe ao abandono rural pois impide o desenvolvemento doutras iniciativas empresariais de aproveitamento agrogandeiro e forestal, sen xerar alternativas de emprego a cambio”, afirmou nos últimos días o deputado do BNG no Congreso Néstor Rego.

Os alcaldes e alcaldesa de Abegondo, Aranga. Boimorto, Frades, Oza-Cesuras, Mesía, Sobrado, Vilasantar e Curtis asinaron un comunicado conxunto de rexeitamento dos proxectos

Nos últimos días os alcaldes e alcaldesa de Abegondo, Aranga. Boimorto, Frades, Oza-Cesuras, Mesía, Sobrado, Vilasantar e Curtis asinaron un comunicado conxunto no que apoian "o rexeitamento que están a ter os parques eólicos e liñas de evacuación que se proxectan ubicar no noso territorio", manifestando "unha oposición frontal aos mesmos".

O comunicado remata dicindo que consideran "necesaria a implantación de enerxías renovables ordenadas e programadas en todos os territorios que se consideren idóneos en coordinación previa coas entidades locais e onde gocen dunha ampla aceptación veciñal".

Nove alcaldes da comarca posicionáronse nos últimos días contra os dous proxectos eólicos © Concello de Curtis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.