Colectivos de Ordes denuncian que a ampliación dunha planta de xestión de restos animais convertería a comarca nun "vertedoiro"

Presentación de alegacións en contra do proxecto de ampliación de GESUGA © Salvemos a comarca de Ordes

A ampliación permitiría procesar refugallos de orixe animal non só de Galicia, senón tamén de Asturias, Cantabria, Castela-León e Portugal

Hai uns días dábase a coñecer o proxecto de ampliación da planta Gesuga (Gestora de Subproductos de Galicia SL) en Cerceda, unha instalación dedicada á xestión de subprodutos cárnicos non destinados ao consumo humano. Despois dun proceso de trituración os restos animais pasan por un proceso de cocción, deshidratación e esterilización para xerar fariñas e graxas que despois se destinan á produción de fertilizantes ou biodiesel. 

Unha vez coñecido o proxecto, varios colectivos sociais da comarca de Ordes, ademais do Sindicato Labrego Galego, criticaron o obxectivo de ampliar en 104.000 metros cadrados as súas instalacións para poder procesar refugallos de orixe animal non só de Galicia, senón tamén de Asturias, Cantabria, Castela-León e Portugal.

De levarse a cabo o proxecto "esta comarca estaríase a converter no vertedoiro do noroeste da península, se non se frean iniciativas deste tipo", denuncian

Este mércores a asociación Salvemos a Comarca de Ordes e a Asociación de Afectados polo Vertedorio de Lesta presentaron máis de mil alegacións en contra do proxecto, denunciando que de levarse a cabo o proxecto "esta comarca -e por extensión Galicia- estaríase a converter no vertedoiro do noroeste da península, se non se frean iniciativas deste tipo". 

O Sindicato Labrego Galego afirma que a actividade actual de Gesuga "xa vén provocando un enorme impacto ambiental e serias molestias na veciñanza de varios quilómetros á redonda, con tráfico permanente de camións de grande tonelaxe por estradas que non están preparadas para acollelo ou con fortes cheiros derivados do tipo de materiais que se procesan". "A ampliación da área de traballo de Gesuga e das súas instalacións non farían máis que agravar un problema que debería resolverse ou, cando menos, paliarse", engaden.

Inauguración da nova planta de Gesuga, no ano 2017 © Xunta

Advirten da "enorme preocupación que supoñen os riscos de contaminación ambiental, os insoportables cheiros e a afectación á saúde polo transporte e tratamento destes residuos"

De igual xeito, Salvemos a Comarca de Ordes subliña "a enorme preocupación que supoñen os riscos de contaminación ambiental, os insoportables cheiros e a afectación á saúde polo transporte e tratamento destes residuos, así como á calidade de vida das parroquias veciñas gravemente afectadas xa hoxe polos continuos cheiros da planta".

Entre as alegacións presentadas este mércores por Salvemos a Comarca de Ordes sinálase que "as actuais instalacións de GESUGA non se axustan a lexislación e a normativa urbanística en vigor" e alértase de que "o promotor da modificación puntual do planeamento é a propia empresa, cando esta figura urbanística está reservada unicamente para os concellos, o que podería constituír un vicio de forma na propia tramitación".

Presentación de alegacións en contra do proxecto de ampliación de GESUGA © Salvemos a comarca de Ordes

Critican "a dificultade para acceder á documentación do proxecto, que debería estar exposta"

Así mesmo, tanto o SLG coma Salvemos a Comarca de Ordes critican "a dificultade para acceder á documentación do proxecto, que debería estar exposta". "Seis días despois de iniciado o proceso de exposición pública non se podía consultar a documentación nas oficinas municipais, e en ningún momento estivo exposto na páxina web do Concello de Cerceda", denuncian.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.